A enquisa da que lles contabamos a finais do ano pasado sobre os problemas dunha ampla porcentaxe de fogares galegos para chegar a fin de mes volve esta semana á actualidade. E paradoxalmente chega logo dunha resposta do executivo no Congreso ao grupo parlamentario do PP, recoñecendo a deputada popular galega María Xesús Saínz o amplo número de cidadáns "que vive en situacións de marxinalidade".
Desde o bipartito xa aproveitaron o caso para lembrarlle ao PPdeG a "envelenada herdanza" que os indicadores económicos amosan que deixaron os populares en Galiza. Lembrámoslles que as cifras do Insituto Nacional de Estatítisca indican que un 21.2% de galegos son estatisticamente pobres, o que supón case 600 mil persoas que en Galiza se sitúan por baixo do que se considera "umbral de pobreza".
Ao respecto, desde o goberno español recoñecían que alén dese indicador, que se basea única e exclusivamente nos ingresos monetarios dos individuos, están tamén outros factores vencellados, entre os que serían especialmente significativas as estimacións sobre o alugueiro da vivenda, datos que implican que a situación real en moitos fogares é peor do que o simple indicador anterior amosa.