Facilitar as cousas para "desactivar o conflito" é a explicación que o presidente da Xunta fixo este mércores das súas conversas con responsábeis das administracións arxentina e uruguaia estes días sobre o proxecto de papeleira de ENCE na fronteira entre os dous países. Por outro lado, o conselleiro de Industria, Fernando Blanco, reuniuse con representantes do sindicato CCOO na factoría da empresa en Lourizán e aseguroulles que o proxecto de traslado será asinado antes da fin desta lexislatura, insistindo en que o futuro polígono de Barro-Meis é unha opción posíbel.
"Hai unha posición flexíbel da empresa para facilitar unha solución concertada", afirmou Emilio Pérez Touriño na súa xuntanza co vicepresidente uruguaio, Rodolfo Nin. Touriño comentou que "ENCE é unha empresa responsábel que pretende construír unha papeleira e manifesta a súa vontade de axudar en todo o necesario para que o proxecto saia adiante e ser flexíbel na negociación e na avaliación dos efectos". Nese sentido, Touriño asegurou que as eivas da celulosa de Ence en Pontevedra estarían relacionadas coa antigüidade das súas instalacións e gabou as novas factorías que a empresa construíu en Navia e Huelva como exemplo de respecto medioambiental.
Xustamente, sobre o conflito para o traslado da papeleira pontevedresa, o conselleiro de Industria tivo este mércores reunión cos representantes de CCOO na empresa, cos que conversou sobre as alternativas para o traslado da fábrica, subliñando que se vai escoller "a que sexa máis positiva para o conxunto da sociedade galega". "O que temos que facer é buscar a mellor solución, o mellor para os intereses de todos, dende o punto de vista medioambiental, urbanístico, laboral, industrial e económico", indicou Fernando Blanco, lembrando que o contorno dos concellos de Barro e Meis é unha das posibilidades que hai na mesa pero que "hai outras que aínda poden ser presentadas". O conselleiro tamén asegurou que o seu departamento apoiará que se "completen os ciclos industriais e produtivos porque ese é tamén o noso obxetivo".