A última hora trae o acordo de socialistas e nacionalistas para consensuaren entre eles a presidencia da comisión para a reforma do Estatuto, que en ningún caso lle cederán ao PPdeG. A decisión chega logo da oferta aos populares que realizaba Anxo Quintana este luns. Desde o PP retrucan que "a palabra de Quintana só dura 24 horas" e din ver un "cambio de posicionamento do presidente en funcións" preguntándolle se recibiu "algún tirón de orellas desde a outra beira do Atlántico". Agora, Alberte Núñez Feijoo promete presentar esta mesma semana o calendario de traballo solicitado.
O cruce de declaracións entre os partidos ao fío da presidencia da comisión para a reforma do Estatuto de Galiza tivo novo episodio este mércores, coa xuntanza dos voceiros no Parlamento de PSdeG e BNG, que decidiron finalmente que ese posto será para un deputado dunha destas dúas formacións. Ismael Rego e Carlos Aymerich coincidiron en cualificar coma "non aconsellábel" que o PP presida esa comisión. Péchase así a posibilidade que o voceiro nacional do Bloque, Anxo Quintana, insinuara a comezo da semana, amosándose disposto a que os populares asumisen esa responsabilidade no caso de presentaren un plan de traballo para este proceso.
Así e todo, e malia a formal aceptación que o líder do PPdeG facía dese convite, no canto de presentar o plan os populares teimaron en criticar o presunto desacordo ao respecto entre as dúas formacións que integran o bipartito e dicían ver unha "estratexia de enredo" en socialistas e nacionalistas, insistindo en conseguir a presidencia da comisión sen condicións. Paradoxalmente, ao tempo que o BNG acordaba co PSdeG retirar a oferta, Alberte Núñez Feijoo comparecía para asegurar que o PPdeG presentará este mesmo xoves "un calendario e unha proposta de metodoloxía" para os traballos da comisión. Feijoo anunciou que os populares apoiarán a comparecencia de dunha representación plural de colectivos e asociacións e incluirán na súa proposta aos alcaldes das sete cidades galegas.