"Se o único que fai o PP é pedir presidila porque si, e logo na presidencia seguir entorpecendo o funcionamento da Comisión, é lóxico que a maioría parlamentaria que teñen o BNG e o PSdeG busquen outras solucións", afirmou este luns en entrevista en Radio Líder o vicepresidente da Xunta. No camiño do consenso cara a o proceso de reforma estatutaria, Anxo Quintana deixou aberta a porta a que socialistas e nacionalistas lle concedan a presidencia desta comisión ao grupo parlamentario do PPdeG. Condición previa segundo Quintana: "que dunha vez por todas, presenten un calendario de traballo que nos faga crer a todos que o PP, nesa Comisión, vai facer algo máis que presidila, é dicir, vai traballar de verdade nela, vai marcar un calendario serio para ter un novo Estatuto, e sobre todo, debe comprometerse a deixar de poñer impedimentos".