Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
POLÉMICA POLA AUSENCIA DOS CONSELLEIROS DO BNG NA VIAXE A ARXENTINA

Conselleiros sen billete: axendas bipartitas aínda sen sincronizar?

O impulso da cooperación empresarial, coma obxetivo prioritario, e diversos actos de carácter cultural, foron destacados desde Presidencia da Xunta de Galiza coma as actividades principais da viaxe do presidente Emilio Pérez Touriño a Arxentina e Uruguai. Paradoxalmente, o conselleiro de Industria e a de Cultura, os dous nacionalistas, non foron convidados a unha xira onde si están os socialistas que lideran Medio Ambiente, Sanidade e Economía. Touriño negou que a escolla de compañeiros de viaxe teña que ver coa cor política e o vicepresidente Anxo Quintana apoiou esa explicación: "o presidente representa a todos os galegos". Desde o PPdeG aproveitan para teimar nunha das súas críticas preferidas ao bipartito: "existen dous gobernos?", preguntan.

- 13:30 13/03/2006
Tags:

"Se o presidente o considerase necesario non estaría hoxe aquí, senón aló e traballando no que se me tivese encomendado", asegurou o conselleiro de Industria e Innovación este domingo nos micrófonos da Cadena Ser, en resposta á pregunta sobre a presunta estrañeza de que non formase parte da delegación galega.

Lembrámoslles que nese grupo van representantes de dúas ducias de empresas e que a definición de novas formas de colaboración no eido comercial ás dúas beiras do Atlántico é obxetivo destacado da viaxe, onde tamén se anunciou a sinatura de convenios para a transferencia de tecnoloxía e coñecemento. Segundo Fernando Blanco "é o presidente da Xunta o que considera necesaria ou non a presencia dos conselleiros na viaxe" e no caso do responsábel de Industria "non debeu ser así, porque non se me fixo ese convite".

Outros aspectos ao fío desta visita do presidente da Xunta a Suramérica contribúen ás suspicacias, como foron a accidental presencia dun par de bandeiras do PSOE nun acto institucional, levadas por simpatizantes que asistían ao xantar do presidente cos emigrantes, ou como foi a inaguración en Bos Aires da exposición sobre os 25 anos do Estatuto de Autonomía elaborada pola Fundación Iniciativas 21, próxima ao propio PSdeG, e responsábel da elaboración do documento de bases para a reforma do estatuto de autonomía que os socialistas asomen coma borrador da súa propia proposta de reforma.

Críticas aos "dous gobernos"
Aproveitando esta situación, o PPdeG criticou a ausencia do conselleiro de Industria na viaxe de Touriño cos empresarios denunciando que "iso confirma unha vez máis que existen dous gobernos". Os deputados populares Xosé Manuel Castelao Bragaña e Aurelio Miras Portugal eran os encargados este venres de zoupar no bipartito a conta dese asunto. "Cales son as razóns polas que o conselleiro de Industria non viaxa co presidente e cun grupo de empresarios galegos, cando é precisamente ese departamento autonómico o que asumiu as competencias relacionadas coa promoción e o comercio exterior?", preguntan desde o PPdeG, "este feito viría confirmar, unha vez máis, a existencia de dous gobernos autonómicos".

Polémica "absurda" Así definiu este luns o vicepresidente da Xunta , presidente en funcións na ausencia de Touriño, a polémica. Segundo explicou Anxo Quintana nos micrófonos de Radio Líder, "alí onde está o presidente da Xunta está toda a Xunta de Galiza representada", engadindo que "non importa quen viaxa na delegación ou quen non". Quintana subliñou as propias palabras de Touriño ao respecto do obxetivo de "comezar canto antes a implementar unha nova política para a diáspora, unha nova política que significa novas formas e novos fondos". Na súa opinión, cara a ese obxetivo "e en función das súas competencias, o presidente da Xunta elixiu levar unha delegación que faga posíbel que os obxectivos da viaxe se cumpran".

"Lourenzo Varela: a voz desterrada"
Contámoslles por outro lado que a última hora do percorrido por Arxentina da delegación da Xunta tráenos noticia da presentación no histórico Café Tortoni da obra da que é autor o propio secretario xeral de Comunicación da Xunta, o monterrosino Fernando Salgado, que fixera escolma da vida de seu conveciño Lourenzo Varela en A Voz desterrada. No marco do acto, co que se quixo facer homenaxe aos exiliados galegos, participou o escritor arxentino Ernesto Sábato, quen fora amigo próximo do escritor galego, conservándose ampla mostra da correspondencia que se cruzaron. Sábato expresou o seu "afecto e a admiración máis profunda" cara ao pobo galego e dixo gardar na memoria unha galería de imaxes de "inmigrantes galegos admirados, sufridos e ledos que enriqueceron o país co seu traballo".


Ligazóns

0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: