"Se algún territorio do Estado ten características especiais en materia viaria é Galiza", subliñaban esta fin de semana desde a Vicepresidencia da Xunta, destacando que aquí están máis da metade dos núcleos de poboación de todoo Estado ademais dunha rede de estradas nunha orografía de especiais características que require de políticas específicas. O goberno galego saía así ao paso das declaracións do director xeral de Tráfico a La Voz de Galicia nas que Pere Navarro se amosaba contrario ao traspaso destas competencias.
"Sería un erro", manifestaba Pere Navarro, director xeral de Tráfico este sábado nas páxinas de La Voz ao respecto da posibilidade de que a Xunta asumise as competencias neste área. Na súa opinión, a transferencia no caso de Cataluña respondeu a "unhas condicións especiais" que non existirían no caso de Galiza.
Non o cren así desde a Xunta, onde desde Vicepresidencia, que negocia desde o pasado mes de novembro co ministerio de Administracións Públicas o calendario de posíbeis traspasos competenciais a Galiza, lembraban ao fío desas declaracións que a Galiza "está preparada para asumir esa responsabilidade" en concreto, non só por reunir esas características especiais que recomendan unha xestión máis próxima da situación, senón tamén porque as propias estatísticas de sinistralidade amosarían o fracaso neste campo da estratexia do goberno español.
"Descentralizar non é rachar", subliñan desde o bipartito, pedíndolle a Navarro que "non confunda centralismo con unidade de acción" e asegurando que achegar a xestión e a responsabilidade aos cidadáns será positivo neste eido.