Galiza brillou intensamente no triatlón de Aqaba, en Xordania, desputado na mañá do venres. A segunda praza de Xavier Gómez Noia e a sexta de Iván Raña supoñen un grande éxito e ábrennos ao máximo as esperanzas para o Mundial de Lausanne. A proba levouna o ucraíno Volodimir Policarpenco, que superou por unicamente tres segundos o ferrolán Gómez Noia. Gómez Noia é agora terceiro na clasificación da Copa do Mundo, e Raña oitavo.
Tres segundos separaron a Xavier Gómez Noia da vitoria no triatlón de Aqaba, a segunda proba puntuábel para a Copa do Mundo, e de paso, dos 100.000 dólares que lle suporían cruzar a meta de primeiro. Pero quen levou as honras e mais a bolsa foi o ucraíno Policarpenco, que quedara terceiro no triatlón de Doha celebrado hai sete días. Gómez Noia fixo unha boa proba na auga onde quedou cuarto por detrás do británico Richard Stannard, o portugués Duarte Marques e o ucraíno, pero perdendo unicamente catro segundos.
As transicións e a bicicleta volveron ser os peores momentos de Gómez Noia, pero mellorou moito con respecto a Doha, onde un trastorno gástrico lle fixo perder moitas prazas sobre as dúas rodas. Aquí Noia foi oitavo, a roda unha vez máis de Policarpenco, a quen superou nos primeiros metros da carreira a pé. Gómez Noia correu os seus dez quilómetros practicamente ao mando da proba, pero cedeu a vitoria no esprín final diante do ucraíno. Por detrás chegaba o portugués Bruno Pais.
O ordense Iván Raña tamén realizou unha excelente proba, e o seu sexto posto é bo indicio de que os malos tempos liscaron e de que podemos volver soñar con velo no máis alto dos podios. Raña, que saíu mal da piscina (20º) e que completou unha aínda peor bicicleta (29º), completou unha extraordinaria carreira a pé, na que chegou de terceiro, a aínda non dous minutos de Policarpenco, e a dezasete segundos de Gómez Noia no parcial da carreira.
Clasificación provisional da Copa do Mundo
Copa do Mundo
1º Volodimir Policarpenco (UCR), 89
2º David Dellow (AUS), 70
3º Xavier Gómez Noia (GZ), 59
4º Andri Gluxenco (UCR), 55
5º Mark Fretta (EUA), 51
6º Brad Kahlefedt (AUS), 50
7º Sven Riederer (SUI), 42
8º Iván Raña (GZ), 39