E os sindicatos aseguran que os recurtes afectarán á metade da plantilla, cifrada actualmente en 9.000 traballadores. Segundo o documento que entregaron hoxe a SEPI e a dirección de RTVE ás centrais maioritarias, a nova RTVE só necesita 4.855 profesionais: 3.220 en TVE, 1.148 en RNE e 487 no centro corporativo. A reducción, que afectaría a 3.133 traballadores, un 39% dos empregados fixos ou con contrato indefinido do ente público, pretende amolecerse con xubilacións anticipadas e baixas incentivadas. Non se di nada dos máis de mil empregados con contratos menores.
Non desaparecerá "ningún" -palabras de Caffarel- dos 16 centros territoriais de TVE e os 18 de RNE, pero a posta en marcha do plan suporía a desaparición das desconexións territoriais da 2, limitándose a actividade ao informativo de media hora de Primeira.
Radio 5 tamén deixará de emitir contidos locais e provinciais cada vinte minutos; os seus servizos centralízanse en Madrid. RNE (Radio 1) ofrecerá desconexións de media hora, igual ca TVE-1, ao mediodía e de luns a venres.
Dúas das principais medidas do plan de futuro, o peche da emisora en catalán Ràdio 4 e o do centro de produción de TVE de Canarias -reconvertido en centro territorial- seguen a constituír polémicas políticas. A de Ràdio 4, especialmente, até o punto de que se baralla que poida sobrevivir á proposta da SEPI. Non semella que aconteza o mesmo coas emisións en catalán da 2, que seguirían o mesmo camiño có resto das desconexións territoriais desta canle.
A finais de 2005, a SEPI supeditou a subvención gobernamental de 575 millóns a RTVE a un plan de saneamento que adecuase a estrutura do ente "a outra máis sólida, adaptada ás esixencias do mercado audiovisual e capaz de ofrecer un servizo público de calidade". Economía recoñeceu entón que o plan levaría aparellado fortes recurtes de persoal. Ao coñeceren o plan do Goberno, UXT e CCOO consideraron entón"inaceptábel" que as consecuencias dunha débeda xerada polos gobernos do PP e do PSOE "caian sobre o emprego e os traballadores".
O BNG de Santiago solidarízase cos traballadores e pide que se manteña o Centro Territorial
O grupo municipal do BNG en Compostela enviou unha nota de prensa na que se solidariza cos traballadores afectados e manifesta "a necesidade de manter e reforzar a función deste servizo público". O BNG indica que "precisamente" vén de presentar unha moción, o pasado martes 7 de marzo, para demandar o mantemento de programación propia da RTVE para Galiza e Santiago de Compostela.
O grupo nacionalista resalta o valor do labor informativo da desconexión local da delegación territorial de TVE en Galiza, e manifesta que "reducir estas desconexións e centralizar a información en Madrid é xusto o contrario do que Carmen Caffarell, directora xeral do ente, prometera cando se comezar a falar da remodelación dos medios de comunicación de titularidade do Estado". Neste sentido, segundo o BNG, "Cafarell asegurara que debía avanzarse cara un novo deseño territorial que tendera a reflexar a pluralidade e a diversidade cultural e lingüística das diferentes nacionalidades e precisamente, hai pouco que se comezou a utilizar o galego nas emisións para Galiza".