Dúas ducias de empresarios e o conselleiro de Economía van co presidente da Xunta na representación galega que desde este venres e deica o xoves 16 visita Arxentina e Uruguai. A misión empresarial, coordinada polo Igape, aspira a impulsar as relacións económicas ás dúas beiras do Atlántico e estimular a cooperación comercial e tecnolóxica de Galiza con estes países. Emilio Pérez Touriño explicou antes de marchar que a viaxe tenta servir para "darlle un novo enfoque á presenza exterior do goberno galego".
A interese dos intercambios bilaterais nesta visita céntrase xa que logo na economía, cun amplo número de empresas de diversos sectores que se integraron nesta delegación, coma é o caso de Fenosa, Jealsa, Continental Produccións, Coren, Eduardo Vieira, Espina e Delfín, Copasa, Nordesía ou Isidro de la Cal. A Confederación Galega de Empresarios, a Aula de Produtos Lácteos, TurGalicia, Xesgalicia, a Fundación Semana Verde, a Zona Franca de Vigo, Caixanova e Caixa Galicia tamén terán representación nos distintos foros de contacto entre o empresariado galego e arxentino.
O goberno galego quere contribuír á identificación de novas oportunidades de negocio para o empresariado galego no contorno destes países e ampliar as áreas de colaboración xa abertas. Con esa fin deseñouse un amplo programa de coloquios e intercambios con representantes de diversas administracións, colectivos e sectores económicos arxentinos e uruguaios onde se agarda definir posíbeis acordos comerciais.
O director xeral do Igape, Xosé Antón Delgado Arce, afirmou que o goberno galego quere turrar polas iniciativas de internacionalización das empresas do país e "contribuír a consolidar o clúster de Galiza no extranxeiro". "É necesario que as empresas galegas vexan a internacionalización como unha oportunidade para medrar", indicou.
O presidente da Xunta terá xuntanza co presidente arxentino Néstor Kirchner o próximo martes 14, e haberá reunións tamén cos ministros de Interior e Traballo. A delegación viaxará despois a Uruguai, onde co presidente Tabaré Vázquez fóra do país, Emilio Pérez Touriño terá encontro co vicepresidente da república, Rodolfo Nin. Na capital uruguaia, Touriño vaise entrevistar tamén co director de Mercosur e dará unha conferencia da Universidade de Montevideo.
Á beira, a axenda cultural inclúe un concerto de Luar na Lubre e Kevin Johansen, organizado pola secretaría xeral para a Emigración, o sábado 11 en Bos Aires; a presentación en arxentina do libro Lorenzo Varela: a voz desterrada, obra do propio secretario xeral da Comunicación da Xunta, Fernando Salgado, e a sinatura dun convenio de colaboración da Xunta co Instituto Nacional de Cine Arxentino para a difusión do cinema galego. Á beira Bos Aires acollerá tamén a exposición da Fundación Iniciativas 21: 25 anos de Estatuto.
Exposición "Galicia Une"
"É un evento que nace para institucionalizar, normalizar e intensificar a relación de Galiza cos seus cidadáns no exterior, e superar definitivamente o electoralismo no contacto entre a administración autonómica e a cidadanía emigrante", defenden desde o bipartito ao fío da exposición que a Xunta organizou en Bos Aires entre os días 11 e 14 de marzo, por ser a cidade con máis emigrantes galegos, e que levará a outros países e cidades con presenza galega. Neste foro terán representación as empresas e entidades integradas na delegación galega.
Desde a Xunta aseguran que o obxetivo é dobre, dun lado "estreitar vencellos cos galegos residentes no exterior" e doutro "buscar oportunidades de deenvolvemento social, económico e cultural máis aló das fronteiras do país". Trátase así de "superar vellas convencións e estereotipos que non se corresponden co país moderno, innovador e puxante que é e, consecuentemente, se dará a coñecer en Arxentina".