Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
DIRECTOR DO GRUPO DE MEDICINA XENÓMICA DA USC

Anxo Carracedo: "A xenética pode ser tan útil para a historia como a arqueoloxía"

Anxo Carracedo e o historiador Gerardo Pereira coordinaron a edición de Xenética e historia no noroeste peninsular (CCG), que recolle as actas das xornadas que, baixo o mesmo título, se celebraron en Santiago en 2002. A obra aborda a evolución dos pobos deste recanto botando man, en pé de igualdade, da xenética e das ciencias históricas. Para Carracedo, director do grupo de Medicina Xenómica da USC, "era o momento. Cómpre lembrar que a xenética pode ser tan útil para a historia como a arqueoloxía". Podedes descargala de balde na mediateca do Consello da Cultura Galega.

- 10:49 14/03/2006
Tags:

Vieiros: Etnografías á parte, falarmos de xenética coas ferramentas da ciencia histórica, e ao revés, non é común en Galiza...

Anxo Carracedo
: Non, porque normalmente os investigadores en xenética fomos por un camiño e os historiadores e os lingüístas por outro. Era o momento de ir todos xuntos. Nós, cando investigamos, vemos cousas da nosa poboación que non podemos interpretar sós, e a xenética pode ser tan útil para a historia como a arqueoloxía.

Se fose posíbel falar dos feitos xenéticos diferenciais dos galegos, a qué conviría atribuílos?
Unha cousa que nos custou moito definir é que a xenética trata dos feitos máis antigos da historia; outra cousa son os pobos, que son inventos dos homes. Pero o certo é que o noroeste da península distínguese xeneticamente, temos unha certa homoxeneidade sen diferencias intercomarcais, agás na zona da Bragança, que é o único que nos dá diferente, o resto é homoxéneo. En toda esta zona, historicamente, movímonos moito duns lugares a outros e temos todos o mesmo fondo xenético. Podemos saber que o Neolítico chegou máis tarde a Galiza porque o podemos ver. E vemos que non tivemos aportes doutras partes, o que produce efectos fundadores vencellados con doenzas xenéticas de especial incidencia aquí. A mutación galega do cancro de mama, cando aparece noutra parte do mundo, é cousa de galegos. Galiza está no contexto das poboacións ibéricas. Parecémonos máis aos ibéricos cós irlandeses ou cós bretóns.

Ademais do illamento e o atraso económico, atribúe vostede a nosa uniformidade xenética a que as galegas "se moven pouco".
A penas hai diferencias, pero igual vemos unhas pouquiñas máis observando o ADN das mulleres, aquí si que hai unhas poucas máis diferencias intercomarcais. No cromosoma Y xa non hai diferencia ningunha, e isto levounos a pensar que, dalgunha maneira, os homes mudaron máis de lugar cás mulleres. Nós pensamos que era cousa do matriarcado; os historiadores dixéronnos que non, e atribuírono a factores culturais que non teñen que ver co matriarcado.

Nas mesmas condicións, os matriarcados adoitan ser máis porosos xeneticamente, non?
Nós pensamos que isto podería ser polo matriarcado, que as mulleres ficaban no sitio pola cousa do matriarcado, pero fican por cuestións culturais.

Un dos artigos do libro identifica nun dos marcadores do cromosoma masculino dos galegos unha estrutura propia das poboacións do Magreb...
Si, pero tamén acontece noutras poboacións do norte de España, en Cantabria e en Euscadi. Non sabemos a qué se debe, pode reflectir as primeiras migracións paleolíticas. Pensamos que son secuencias paleolíticas da xente que chegou aquí primeiro...

Qué doenzas atribúe á endogamia desde os primeiros poboadores?
Ao sermos unha poboación que non se mesturou moito, temos máis doenzas de efecto fundador. Na mutación do cancro de mama, nos xenes vencellados co cancro de colon...

Investigadores americanos interesáronse pola proliferación dos cancros de próstata e recto no sur de Lugo e en toda a provincia de Ourense.
O cancro colorrectal é especialmente frecuente en Galiza e pode ter un trasfondo xenético, tamén ambiental, pero seguro que xenético. Nós agora estamos investigando as súas causas xenéticas. Non é sinxelo, pero todo nos leva á cuestión dos xenes...

Que cambios agoira no modelo evolutivo do "noroeste peninsular"?
Dependerá da demografía, o que se pode esperar é que por fin deixemos de emigrar, están vindo algúns emigrantes... desde o punto de vista xenético, a mestura sempre é boa. Desde logo, antes de que a poboación autóctona fique máis esvaída co aporte doutras poboacións, é importante teimar neste tipo de estudios para afondar na nosa historia máis antiga.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: