"Trátase de que os membros da Comisión comprendan que a Xunta está traballando, que xa convocamos aos departamentos implicados nesta tarefa e que se está a preparar un plan de saneamento integral", explicou Santiago Gómez-Reino, secretario xeral de Relacións Exteriores da Xunta. Na delegación do goberno galego que con esta fin viaxará a Bruxelas o próximo 28 de marzo estarán integrados representantes das consellarías de Economía, Pesca, Medio Ambiente e Innovación, ademais da Autoridade Portuaria de Vigo.
"O programa tardará aínda uns meses para cumprir cos obxectivos de seriedade e efectividade esperados", recoñeceu malia todo Gómez-Reino, quen manifestou á saída da que é xa a quinta xuntanza de coordinación no bipartito para tratar deste asunto que "hai que trasladarlle aos cidadáns a improtancia de cumprirmos coa lexislación comunitaria porque é parte do dereito interno e tamén un factor de modernización".
De xeito inmediato, a Xunta prepara un diagnóstico con detalle da calidade das augas, coa detección de todos os puntos de vertido, ben por falta de depuración das augas residuais urbanas ou da actividade industrial e propostas de actuación concretas para cada un dos casos. Agárdase que a iniciativa sirva ademais para darlle pulo ao turismo e a industria na zona. Lembrámoslles que a sentenza do Tribunal Europeo por incumprimento da diretiva europea de calidade das augas supuxo a primeira ocasión en que o Estado español foi condeado por un tema ocorrido en Galiza. Deica agora, nin o goberno español nin o galego deran paso ningún para responder a esta sanción.