Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
PRESENTA "SEXO E LUGAR" EN COMPOSTELA

Carmen Blanco: "Hai que encamiñar a ciencia, a creación e o pensamento á liberación"

O volume Sexo e lugar reúne ensaios da autora sobre poder, literatura, arte e cultura. Cinco anos despois da súa elaboración, sae por fin do prelo de Xerais, pechando unha triloxía que foi inaugurada cos dous volumes, tamén publicados na colección Universitaria, Literatura galega de muller (1991), sobre a produción literaria feminina en Galiza, e Nais, damas, prostitutas e feirantas (1995), sobre as cosmovisións creadas por autores varóns. Neste Sexo e lugar intégranse as dúas perspectivas, sempre dende a crítica literaria feminista, na que Blanco foi unha pioneira: dende a Festa da palabra silenciada ou Unión libre, dende a edición de varios autores, dende a narrativa (como podemos ver en Vermella con lobos), e sobre todo dende o ensaio e a docencia.

- 18:30 16/03/2006
Tags:

Vieiros: Con que obxectivo nace Sexo e lugar? En que contexto se xestou?
Eu estou constantemente escribindo, para min é un pracer. Estes ensaios fóronse facendo sós: ás veces eran solicitados por publicacións en español, inglés ou francés, ás veces conferencias en Canadá, Birmingham ou Barcelona. Foi unha continuación do camiño iniciado polos libros anteriores. Pero eu quería velo en galego e para o público galego... Comezouse a escribir no 95, despois de Nais, damas, prostitutas e feirantas, e quedou máis ou menos pechado no 2001. Agardei con paciencia revolucionaria para que puidese saír na colección Universitaria, onde saíran os primeiros libros de crítica literaria feminista galega. Literatura galega de muller abordaba a cuestión da produción literaria das mulleres, así como Nais, damas... a visión por parte dos homes. E agora, este é un libro de liberación, para homes e mulleres, para derrubar o poder sexual e colonial e vivir libre a experiencia do sexo e do lugar. Fala do poder, da arte e da literatura en xeral: hai que encamiñar a ciencia, a creación e o pensamento á liberación. É necesario nos tempos nos que vivimos...

Precisamente, vivimos unha dobre expropiación: a do sexo (a liberdade de expresión das persoas para gozar dos seus corpos) e a do lugar (a identidade propia, a vindicación do noso espazo no mundo). Estamos superando ese alleamento?
Avanzouse moitísimo na vivencia libre non só da feminidade, senón da masculinidade, do ser sexual, en resumo, e tamén na vivencia da galeguidade. Vivimos un atraso tremendo por culpa do franquismo, e houbo que traballar cunha aceleración importante para recuperar o tempo perdido, pero aínda estamos pagando ese atraso: vivimos aínda unha colonización do ser galaico, do sexo en xeral, e da vivencia por parte das mulleres en particular.

No tempo da paridade política, temos que decatarnos de que o poder patriarcal pervive máis alá: a violencia de xénero coa que convivimos a diario, aquí ou en El Salvador, os prexuízos, seguen a ser pedras que pesan sobre nós. A política do politicamente correcto está ben na forma, pero trátase de ir ao fondo, ás mentalidades. Os prexuízos impiden a vivencia libre do sexo e a da galeguidade: colonialismo e patriarcado van unidos. A estas alturas está desintegrado o átomo, pero aínda quedan as pedras... Por iso os ensaios están enfocados cara á liberdade, para vivirmos o sexo e vivirmos o lugar sen represións. Para eses praceres está escrito este libro.

Houbo críticas ao libro en canto á falta de actualización dos contidos...
É que houbo que agardar varios anos para publicar este libro, mais era necesario nesta colección pola falta que seguimos a ter de ensaio, e sobre todo de ensaio feminista. O pensamento segue a ser necesario para a vida, pero vivimos nunha sociedade con présa, sen tempo para parar a pensar. Mais ás veces é necesario que unha minoría desenvolva o pensamento para que a sociedade avance. Por iso, aínda que o lectorado de ensaio sexa tan minoritario, existe, e precisa de alimento intelectual. Todo é necesario, e as empresas teñen que cumprir ese servizo. Hai que publicar pensamento para xerar máis pensamento.

Que momento está a vivir a crítica literaria feminista en Galiza?
Dende que eu publiquei o primeiro libro até hoxe, produciuse neste terreo un enorme avance: antes eramos moi poucas as mulleres que faciamos crítica literaria feminista, e case ningún home. Hoxe xa non só hai moitas mulleres neste eido, senón que tamén os homes teñen en conta os criterios do sistema sexo-xénero á hora de facer crítica literaria. A este respecto hai que ser optimistas...

Estase atendendo bastante ultimamente, e abonda con reparar no ensaio de Helena González Elas e o paraugas totalizador, ao paralelismo entre a colonización do lugar e a colonización da feminidade. Hai unha dobre loita nas cuestións de xénero e nación, unha dupla encrucillada identitaria?
Pois si, este libro podería moi ben titularse Sexo e nación. De feito foi o primeiro título que tivo, e agora que estamos en plena polémica coa cuestión do termo nación, eu, que son libertaria, optei por lugar. Dá igual como se lle chame, o importante é que se viva con absoluta liberdade a pertenza a un determinado lugar, a calquera espazo que cadaquén queira ocupar no mundo. E á liberdade oponse o poder, e os poderes aliméntanse uns a outros. Por iso eu penso que hai que loitar contra todos os poderes á vez, contra o sexual e colonial a un tempo.

Como se vive a aparición de novas voces femininas na narrativa (por exemplo, Teresa Moure) que subvirten a orde das cousas?
Na creación literaria atopamos moitos nomes de mulleres, pero tamén de homes, moi liberadoras, nas que non está presente a misoxinia. En todos os terreos creativos, por parte das mulleres especialmente, pero tamén por parte dos homes, estamos traballando nese camiño.

Hai que ter en conta a produción de contidos na Rede e as posibilidades de interactividade que oferta: vémolo sobre todo na poesía, pero cada vez hai unha maior hibridación de xéneros e de soportes (a performance co corpo, coa expresión plástica, letras, canles electrónicas), e un cambio nos conceptos de autoría e lectorado. Como afecta isto á dimensión de sexo e lugar? Que espazo ocupa o feminismo galego?
Internet abriu un mundo novo, as posibilidades son múltiples, sobre todo pola duplicidade entre a proximidade e ao mesmo tempo a apertura a calquera lugar do mundo. Esa posibilidade de romper o espazo é moi importante. A apertura universalista non nega a existencia dos lugares máis pequenos do mundo. Estase a producir unha revolución simultánea en todo o planeta, que ademais é rapidísima na comunicación e no espallamento de ideas. É un dos instrumentos máis válidos dos últimos tempos.

Apertura de espazos e tamén de identidades... Aínda hai pouco, o blogueiro Calidonia falaba de que un terzo dos blogueiros e blogueiras son mulleres, ou cando menos teñen unha voz feminina. Pero si que houbo unha eclosión, nos cadernos de bitácora, de presenza feminina, sexa de poetas consagradas (María Lado), de poetas anónimas que fan converxer texto e imaxe cun propósito explicitamente erótico... (coma VSQN)
A inmediatez da Rede é marabillosa... Eu tiven que agardar nove anos por este libro, que di ti que os ensaios xa estaban publicados polo mundo... Pero eu queríao aquí e en galego, para o público galego. E antes de ter o libro puiden penduralos da Rede gracias á web da publicación Unión Libre, que coordino xunto con Claudio Rodríguez Fer... O libro ten a consistencia, a permanencia, pero a Rede ten a inmediatez e a accesibilidade... Eu non é que sexa unha experta tecnoloxicamente, pero todos sabemos acceder a contidos xornalísticos e literarios na Rede, e tamén podemos producilos...

Centrándonos xa no contido do libro: neste Día da Muller que tamén coincide co 89 cabodano de Eduardo Pondal, un tema espiñento no libro é a desmitificación de certos grandes autores das letras galegas, que en realidade facían alarde dunha misoxinia evidente. Quince anos despois de Nais, damas, prostitutas e feirantas, segue a ser necesaria unha revisión?
Sempre é necesaria esa revisión crítica que inaugurou María Xosé Queizán con Pondal. Mais é importante coñecer a historia da galeguidade, porque Pondal tamén tiña elementos filóxinos: a creación de grandes mulleres, poderosas guerreiras, poetas, bardesas, cazadoras... Ao lado, porén, atopamos cousas coma unha loa da violación. Temos que ser quen de ver as cousas con obxectividade. Non temos porque deixar de ler a grandes figuras, pero temos que aprender a miralas con ollos libres. Eu quixen abordar as luces e as sombras dos autores, desmontar os prexuízos, ler entre liñas a Pondal ou Leiras, nos episodios "Amores" e "Praceres e poderes." E hai que salientar que a época tampouco disculpa certas mentalidades: Rosalía e Murguía viviron na mesma época e foron parella, e ela era enormemente crítica co poder sexual, mentres el era un conservador e patriarca...

As autoras seguen mergulladas no esquecemento, son silenciadas por diversos motivos, ou son erixidas en torno a elas iconas que non se corresponden coa realidade. Acontece con Rosalía (por certo, están a aparecer novas voces que reivindican o seu auténtico carácter loitador, como puidemos ver na performance colectiva do 24 de febreiro, que continuará o 21 de marzo).
A obra das grandes escritoras ten que ser posta en valor: en poemas coma "A xustiza pola man" ou "Estranxeira na súa patria", atopamos unha Rosalía absolutamente subversiva, que nos serve hoxe para ver o mundo que temos, e, sobre todo, amosar unha Rosalía crítica, revolucionaria, que debemos promocionar como figura poliédrica. De feito, este episodio titúlase, intencionadamente en plural, "Rosalías." É verdade que hai unha Rosalía triste e saudosa, pero tamén outra loitadora contra o poder colonial: "Galicia, ti non tes patria, ti vives no mundo soia" é unha defensa da galeguidade e das mulleres. En "Rosalías", "Belezas e horrores" e "Voces" analizo a obra das mulleres, ou posta en boca de mulleres, sexan as cantigas medievais, as de Valente, a obra de Rosalía ou a de autoras máis novas, coma Olga Novo.

Incluso autoras que se poden asociar á submisión, como Luz Pozo Garza, teñen unha obra erótica, publicada en plena ditadura e escrita en primeira persoa, totalmente rompedora no momento. Xohana Torres, por exemplo, deulle voz ás mulleres da nación: lembra á súa avoa Lola e o peso que tiveron moitas mulleres do común na construción da galeguidade, dunha identidade común.


5/5 (2 votos)