Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
POR UNHA "SITUACIÓN ADMINISTRATIVA INASUMÍBEL"

Ánxeles Cuña demite como directora do CDG aos seis meses de ser nomeada

A directora do Centro Dramático Galego, a ourensá Ánxeles Cuña, presentou a súa demisión esta tarde nunha rolda de prensa que deu conxuntamente co director xeral de Difusión cultural, Luís Bará. Trátase dunha decisión persoal "e dolorosa" da dramaturga ourensá, logo de saber que a renovación do seu contrato como funcionaria do Igaem -e non como cargo de confianza- non garantía a conservación da súa praza docente con destino en Ourense e a obrigaba a acollerse a unha excedencia. Ánxeles Cuña, que foi responsábel da dirección da compañía Sarabela ata o seu nomeamento como directora do CDG, vaise seis meses despois coa bagaxe de botar a andar a tempada 2006 e coa única estrea de dúas obras, xustamente nesta última semana: Illa Reunión, de Ana Vallés, e 'A cabana de Babagaiá', de Paula Carballeira.

- 17:43 09/03/2006
Tags:

Ante a expectación dos xornalistas, convocados poucas horas antes á rolda de prensa, e de actores e técnicos do Igaem que se atopaban preparando a función desta noite de Illa Reunión, Luís Bará e Ánxeles Cuña compareceron no Salón Teatro de Santiago para anunciar a sorpresiva renuncia da directora do CDG, nomeada o pasado 27 de setembro pola Consellería de Cultura.

As razóns que alegou o Director Xeral de Creación en Difusión Cultural baseáronse nunha "situación administrativa inasumíbel" desencadeada polo feito de que, aos 3 meses de asinar o contrato inicial coa consellaría como persoal de confianza do gabinete -con carta de "servizos especiais" para conservar a súa praza anterior de funcionaria-, agora a renovación teña que ser a través un contrato laboral polo Igaem, que lle obriga a pedir unha excedencia e non lle garante o retorno á praza docente que ten nun instituto de Ourense.

Consecuencia de facer o contrato "polo legal"
Ánxeles Cuña resaltou que para ela esta é unha despedida "moi triste e desgarradora" e que é involuntaria. "Non me vou porque queira marchar, nin porque queiran que marche", dixo, para logo aclarar que se se vai é "porque non se cumpre a única condición que puxen cando aceptei este cargo, que era a de conservar a praza na que levo traballando case trinta anos". Bará indicou que dende a Consellaría fixeron "todos os intententos posíbeis para arranxar a situación", pero que legalmente a única posibilidade de contratación da directora do CDG é como persoal laboral do Igaem, malia que o anterior director, Manuel Guede, estivese contratado cun contrato blindado de confianza, nunha situación que segundo Bará, era "ilegal".

"Dixéronme que non había fórmulas e eu teño que crelo", dixo Ánxeles Cuña, quen precisou que o problema desatouse o pasado 15 de febreiro, 3 meses despois de asinar o seu contrato con Cultura, cando lle dixeron que tería que asinar co Igaem, e que daquela xa tomou a decisión pero non a comunicou até hoxe para non enturbiar as estreas de 'Illa Reunión' e de 'A cabana de Babagaiá'. Os compañeiros do CDG que se atopaban alí -actores, técnicos, Ana Vallés, directora de 'Illa Reunión' e o realizador Jorge Coira, que está a facer un spot televisivo sobre a nova etapa do centro- recibiron a noticia con moita sorpresa e dedicáronlle un cálido e longo aplauso á que até hoxe era a súa directora.

Pola súa parte Luís Bará gabou a traxectoria de Ánxeles Cuña e indicoulle que "as portas da Consellaría están abertas" a que siga colaborando en algún futuro proxecto do CDG que ela xa ten deseñado, "dacordo co que dispoña o vindeiro director do centro".

Preguntado precisamente pola nova dirección, Bará sinalou que o nomeamento levarase ao vindeiro consello rector do Igaem, que se celebrará o vindeiro 17 de marzo.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: