Hai poucas semanas que o propio comisario de Asuntos Económicos da Unión Europea, Joaquín Almunia, logo de referirse á suba dos prezos do petróleo e a "dependencia enerxética" da UE, chamaba a abrir o debate sobre a opción da enerxía atómica. A patronal nuclear asistía gorentosa a este escenario e agardaba que o Libro Verde que a Eurocomisión presentaba este mércores incluíse un xesto nese sentido. Finalmente, o documento non se refire explicitamente ao futuro nuclear en Europa, aínda que si admite o inicio do debate para a reformulación estratéxica ao respecto.
"Sería sucidida non facelo", chegou a afirmar o eurocomisario Almunia defendendo que a opción da enerxía nuclear volvese a ser considerada a curto prazo na Unión Europea como fórmula estratéxica para reducir a elevada dependencia enerxética do continente en tempos nos que o petróleo segue chimpando cara a máximos. Así, e mentres países como Alemaña están eliminando as súas centrais e no propio Estado español se aprobou unha moratoria ao respecto, o responsábel económico da Comisión Europea amosábase partidario de revisar esa tendencia.
Ao respecto desa posibilidade, avaliada positivamente desde os ámbitos conservadores e que no contorno socialista estaría gañando partidarios especialmente entre os seus responsábeis económicos, a nivel estatal os Verdes advertíronlle ao PSOE que unha viraxe na promesa de pechar as centrais nucleares implicaría que os ecoloxistas rachasen o pacto que actualmente manteñen co partido gobernante.
Lembrámoslles que o Libro Verde co que a UE pretende responder aos "desafíos enerxéticos do século XXI". "O desenvolvemento do mercado interior, a loita contra o cambio climático e a seguridade do abastecemento son desafíos enerxéticos comúns que esixen solucións comúns. É a hora dunha nova política enerxética europea", afirmou Andris Biebalgs, comisario de Enerxía. O documento fixa tres obxetivos fundamentais a combinar pola política enerxética da UE: "desenvolvemento sustentábel, competitividade e seguridade no abastecemento.