Xosé Manuel Barreiro Fernández, vicepresidente do PPdeG, estará á cabeza da representación do seu partido na comisión de estudo para a reforma do Estatuto de Autonomía de Galiza. Á beira del: os ex conselleiros Xosé Antonio Orza, Pilar Rojo e Xosé Palmou, e os deputados Manuel Ruiz Rivas, Xosé Manuel Baltar e Ignacio López-Chaves. Os populares amósanse inicialmente dispostos a darlle voz no proceso a formacións políticas sen representación parlamentaria.
O ex conselleiro Orza é actual voceiro de Economía do grupo parlamentario popular; Palmou asome responsabilidades na comisión Institucional do Parlamento e a ex conselleira Pilar Rojo leva os temas de Vivenda. Por outro lado, o deputado pontevedrés Ignacio López-Chaves é voceiro en asuntos culturais e Manuel Ruíz Rivas, deputado pola Coruña, é voceiro de Administracións Públicas. O ourensán Xosé Manuel Baltar cumpre funcións coma vocesecretario da mesa da Cámara. Os populares tamén decidiron que coma suplentes dos anteriores estean o ourensán Roberto Castro, voceiro en temas de agro; a responsábel de Pesca, Beatriz Mato, e a luguesa Susana López Abella, encargada dos temas de igualdade e traballo.
Barreiro aproveitou a comparecencia do anuncio desta representación para criticar o posíbel incumprimento do regulamento parlamentario por parte do PSdeG ao nomearen a dous deputados para a ponencia para a reforma estatutaria que posteriormente non formarán parte da propia comisión, en referencia a Xaquín Fernández Leiceaga e Pablo López Vidal.
Ao longo da semana seguirán as xuntanzas entre os tres grupos parlamentarios para definir a metodoloxía de traballo da comisión e decidir a data en que botará a andar.