Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
A MINISTRA RECOÑECE O DESVÍO DE INVESTIMENTOS AO TREITO CASTELÁN

Chega tarde e cunha soa vía: confírmanse os atrasos do novo tren a Galiza

"Cando se trata de conectar Madrid coa periferia as obras sempre empezan pola capital e van acumulando atrasos nos puntos máis afastados". Así criticaba Francisco Jorquera, senador do BNG, o que cualificaba de "concepción centralista" das infraestruturas, ao recoñeceren desde o ministerio de Fomento que o treito ferroviario Lubián-Ourense vai acumular novos atrasos. Mentres, no Parlamento galego o presidente da Xunta confirmaba o adiamento do novo tren anunciando que deica 2008 non estarían abertos ou en obras todos os treitos do AVE cara a Madrid e que inicialmente chegará a Galiza sen dobre vía.

- 07:50 09/03/2006
Tags:

"Poderanse usar as variantes que se vaian construíndo co obxetivo de sacarlle rendabilidade social ao proxecto desde o primeiro momento". Así o aseguraba Emilio Pérez Touriño este mércores no Parlamento, confirmando o paradoxal proxecto que Fomento ten para traer o novo tren a Galiza. Xa que logo, o treito da alta velocidade que virá de Lubián até as proximidades de Ourense está proxectado agora en dúas fases de xeito que na primeira só se construiría unha vía, cun investimento de 810 millóns de euros, de forma que a vía dobre só se despregaría na parte final entre Taboadela e a propia capital ourensá, proxecto de 790 millóns para o que en todo caso non hai prazo fixado. Para a ampliación da liña de Ourense ata Vigo non houbo referencia ningunha.

Segundo o presidente da Xunta, o adiamento nos prazos débese aos atrasos que acumulara o goberno do PP, citando especialmente o tarde que se aprobou o estudo informativo para a infraestrutura ferroviara, a finais de 2003. Ao tempo, lembrou tamén o retraso no envío desde o ministerio de Medio Ambiente da declaración de impacto ambiental. "Transcorreron tres anos completos, ata decembro de 2003 para aprobar o mencionado estudo. Vostede e o goberno amigo malgastaron tres anos para facer un estudo. Iso está no BOE, está documentado e é a súa mellor contribución, co Prestige e co Plan Galicia, á realización do Ave", retrucoulle Touriño ás críticas de Alberte Núñez Feijoo.

No mesmo sentido se pronunciou este xoves no Senado a ministra de Fomento, Magdalena Álvarez, en resposta á pregunta de Francisco Jorquera, senador do BNG. Jorquera reprochoulle que se incumprise co investimento dos dous millóns de euros para o treito de 104 km entre Lubián e Ourense, partida acordada nas negociacións entre o BNG e o PSOE para conseguir o voto positivo dos nacionalistas galegos aos orzamentos xerais do Estado. O senador galego denunciou "a vulneración do acordo" ao constatarse que "o 85% deste investimento vai repercutir fóra do territorio galego" e lembroulle á ministra que esa cantidade fora xustamente a fixada para garantir todos os trámites técnicos e administrativos necesarios, incluíndo a requerida declaración de impacto ambiental "da cal aínda nada sabemos".


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: