Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
OS PRODUTORES, PENDENTES DA RESPOSTA DA INDUSTRIA LÁCTEA

Medio Rural agarda que a Mesa do Leite de hoxe sirva para "aproximar posturas"

Na pasada reunión da Mesa do Leite, a industria láctea aprazou a baixada dos prezos en orixe prevista para xaneiro. O conseguido entón grazas á presión dos sindicatos, que seguen ameazando con "accións directas" contra a industria, e á interlocución favorábel de Medio Rural depende do que pase esta tarde. A consellaría lembra que Galiza só envasa o 75% do leite que produce, pero agarda que se poida establecer un sistema equilibrado de fluctuación de prezos "con meses de baixada e outros de recuperación" que dean estabilidade ao sector. Feiraco recoñece que outro aprazamento da baixada "é difícil; outra cousa é o compromiso dunha recuperación. Esperemos que se vaia por ese camiño".

- 08:45 09/03/2006
Tags:

Os gandeiros galegos cobraron polo leite que producen, en 2005, unha media de 0,29 euros/litro. A intención da industra láctea era baixar o produto en orixe até tres céntimos de euro entre xaneiro e abril, decisión aprazada tras a reunión da Mesa do Leite do pasado 2 de febreiro. Agora mesmo, os sindicatos agrarios non tolerarían calquera proposta da industria que pase polo acuse de recibo sen garantías de recuperación dos prezos.

"Para aceptar baixadas sen contrapartidas non cómpre negociación", di Xabier Gómez Santiso, secretario de Gandeiría do SLG. "Non pode ser que o prezo medio baixe con respecto á campaña anterior; é dicir, que nos baixen o leite agora, sen garantías de recuperación, e despois, en maio e xuño, nolo volvan baixar outra vez". Porén, anque non haxa acordo coxuntural mañá, o SLG entende que a supervivencia da Mesa é "importantísima" para o sector.

Javier Iglesias, de Unións Agrarias, remarca que o aprazamento da baixada de xaneiro, conseguido na reunión anterior, "débese confirmar agora, coa paralización da baixada ou cun pacto de garantías ao respecto. É dicir, non unha promesa de subida posterior, senón un acordo de subida". Iglesias sinala que se a industria apontoa a baixada prevista "sen respectar" aos produtores, os sindicatos porían en práctica as "accións directas" contra as industrias radicadas en Galiza.

Desde a cooperativa galega Feiraco -xunto con Río envasa o 25% do leite do país- confíase na "estabilidade" da Mesa do Leite como garantía de consenso entre produtores e industria. "Que a baixada se aprace outra vez é moi difícil", di o director, José Luis Antuña, "outra cousa é o compromiso dunha recuperación. Esperamos que se vaia por ese camiño". O importante para Feiraco sería "marcar unha liña" de retribución do leite ao longo do ano, pois o produtor "debe sabelo".

Equilibrio

Medio Rural -que xa convocou máis veces a Mesa do Leite que o gabinete anterior en toda a lexislatura- conta con que hoxe se aproximen posturas. O director xeral de Calidade Agroalimentaria, Antón Oca, lembrou recentemente que a consellaría debe limitar o seu papel á interlocución social, pois non se poden pactar prezos e a posibilidade de influír nunha industria especialmente deslocalizada é escasa.

Si se considera posíbel, desde a consellaría, establecer un sistema de fluctuación de prezos "cuns meses de baixada e outros de recuperación", co obxecto de estabilizar o sector e apontoar o futuro dos produtores. O sistema había consistir nun baremo fixo de oscilación, pactado entre produtores e industria, que non admitiría baixadas nin subidas.


0/5 (0 votos)