Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
GALIZA CELEBRA O DÍA DA MULLER

As mulleres toman o poder durante un marzo de cor violeta

Xa comezaron a semana pasada, coas primeiras xornadas do mes de marzo, pero sen dúbida o momento álxido para os movementos de loita pola igualdade de mulleres e homes en todos os eidos e polo rexeitamento a calquera tipo de violencia contra o sexo feminino xira arredor do 8 de marzo. Dende os actos institucionais até os promovidos por distintos colectivos sociais e asociacións culturais, o Día Internacional da Muller estará presente en toda Galiza. Un dos epicentros das celebracións será a cidade de Pontevedra, na que estará o bus do Mes Violeta, campaña promovida pola Secretaría Xeral de Igualdade, que contará hoxe coa presenza de Anxo Quintana e de Carme Adán.

- 12:41 08/03/2006
Tags:

No plano institucional, o Parlamento acollerá un acto baixo o título '25 años do Parlamento de Galicia, o papel das parlamentarias na andadura autonómica', no que a presidenta da Cámara, Dolores Villariño xuntará a dúas mulleres de cada grupo parlamentario: polo Popular, Susana López Abella e Amparo González; polo PSdeG Laura Seara e Margarita Pérez Herraiz e polo BNG Tareixa Paz e a ex deputada Pilar García Negro.

A ONG Médicos do Mundo move os seus voluntarios para celebrar o Día Internacional das Mulleres, de Todas, das Invisíbeis tamén, denunciando o tráfico de mulleres e a explotación sexual.

O martes é un día fundamental para un concello coma o de Rois, non só porque acolle a representación dos Monólogos da vaxina senón tamén porque ao longo da xornada aproba o seu Primeiro Plan de Igualdade. Na mesma xornada a cidade de Ourense estrea, no seu Teatro Principal, a peza Rolda de caricias; o Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) proxecta o documental de Hervé Nisic Mulleres con cabeza e o concello de Pontevedra inicia as súas actividades conmemorativas cun obradoiro de autoestime no Pazo da Cultura, a conferencia Liderado, autoestima e identidade de xénero en Sargadelos, unha colgada de bandeiras nas estatuas da cidade e a inauguración, fronte á escultura dos Heroes de Sampaio, a escultura Muller do emigrante.

Os actos na cidade de Pontevedra segue ata mediados de marzo con obradoiros, teatro, música, deportes e cine. O día 8 de marzo o Teatro Principal acolle a peza de cabaré Soberanas. É cousa de mulleres, promovida dentro do Mes Violeta; o día 11 a quenda é para o deporte, O básket tamén é noso. Xoga. Mételle un triplo á igualdade; e dende o 17 de marzo comezan a música, Coa túa palabra. A palabra e a música pola igualdade, e un ciclo de cine.

Na Coruña inaugúrase o mércores unha carpa informativa que se sitúa nas inmediacións do Obelisco, nun Día da Muller que leva por lema Pan, rosas e poder igualar o mundo. Na mesma cidade pero na Fundación Luís Seoane a reinvidicación póñena as mostras Cárcere de amor e Violencia sen corpos; e finalmente, o proxecto Equal do Concello organiza cursos de pladur, escaiola e pintura para mulleres. En Santiago, o teatro e a música son as estrelas, con Papel de muller da compañía Off, que se representa o xoves 9 no Teatro Principal; e con Acústico feminino, onde actúan Leilía, Batuko Tabanka, Nordestin@s e Abe Rábade, baixo a presentación de Luzía Aldao, o sábado 11 tamén no Principal.

Boiro centra as súas actividades sobre a Muller no deporte, con mesas redondas nas que participan deportistas de remo, rugbi, boxeo, fútbol ou taekwondo, cun concurso de fotos sobre a muller e o deporte, cun cursiño de arbitraxe de fútbol e un partido de fútbol feminino.

Ordes acolle o mércores 8 unha charla sobre ferramentas para buscar traballo, impartida por Víctor Rodríguez, o día 9 un programa de radio especial e o día 13 Como atopar emprego en internet?, na Casa de Cultura.

En Lalín expóñense, o mércores, as obras da viñetista Sex, Di non e ofrécese tamén un programa especial na radio. En Moaña inaugúrase unha mostra sobre a historia das conserveiras para homenaxar o traballo das mulleres nelas. En Cangas, Lirilampo Teatro encárgase da animación de rúa; Eva Vila conta contos e ademais entréganse os premios do certame fotográfico Mulleres. Vilas como as da Costa da Morte reúnen as súas actividades baixo o lema Queremos poder; celébranse maratóns Mulleres lendo mulleres como en Cerdido; mostras sobre a discriminación como en Catoira; ou charlas sobre os conflitos familiares e laborais como en Vilagarcía. Mentres movementos feministas queren abolir o patriarcado e en Compostela se procura achegar "arte en feminino e en cor lila".


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: