Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
A DOUS MESES DO REFERENDO QUE DECIDE O FUTURO DO PAÍS

Montenegro busca a independencia para a "estabilidade"

"Continuaremos tendo boas relacións non só cos países veciños, senón tamén coa Unión Europea, que é fundamental para a estabilidade da rexión". Asegurábao hai poucos días o primeiro ministro montenegrino Milo Iukanovic, subliñando que se Montenegro aproba a súa independencia de Serbia no referendo que celebrará o próximo 21 de maio a estabilidade da rexión verase reforzada. A pregunta que os cidadáns deberán responder: "Desexa que a República de Montenegro sexa Estado independente con plena lexitimidade acorde ao dereito internacional?".

- 11:48 07/03/2006
Tags:

Os seus sistemas fiscais e as administracións comerciais xa funcionan cada unha pola súa beira en Serbia e Montenegro, que de feito, usan moedas diferentes: os Serbios manteñen o dinar e en Montenegro xa se move oficialmente o euro. O enfrontamento sobre a posibilidade de dar o paso da independencia inclúe conflitos como o da saída ao mar da que gozan os montenegrinos e a negociación cara a este referendo foi complicada.

Finalmente, a mediación da Unión Europea conseguiu un consenso que establece o requerimento de que cando menos vaia ás urnas o 50% do case medio millón de montenegrinos censados e de que a porcentaxe mínima en favor da independencia acade o 55%. O primeiro ministro Iukanovic, partidario da independencia, cualificou de "pouco democráticas" unhas condicións que poden facilitar que "unha minoría se impoña á maioría", pero asegurou que "aceptamos totalmente a proposta da UE".

Alén da coalición gobernante, a oposición amósase contraria a separarse de Serbia. As últimas sondaxes amosan unha estreita diferencia, cun 41% a prol da secesión e un 32% en contra, indicando unha alta pocentaxe de indecisos ao respecto.

De superar a cancela electoral imposta Montenegro recuperaría o estatuto de Estado independente que se lle recoñecera internacionalmente en 1878, despois de pasar logo da Primeira Guerra Mundial a formar parte do Reino da Iugoslavia e logo da 2ª Guerra Mundial a integrar o que sería a federación das repúblicas iugoslavas. A xeito de anécdota, contámoslles que os medios da zona bautizaran "Solania" a unión asinada en 2003 entre Serbia e Montenegro, en referencia ao papel clave que na presión para ese modelo conxunto exerceu Javier Solana coma representante da política exterior europea. De confirmarse agora a independencia de Montenegro, o país aparece coma candidato destacado ao ingreso nunha futura ampliación da UE.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: