O Consejo Superior de Deportes español afastouno das probas internacionais de triatlón durante máis dun ano. Agora Gómez Noia ten a posibilidade na man de recuperar todo o tempo perdido. A súa primeira oportunidade foi o triatlón de Doha, en Catar, e conseguiu un fenomenal resultado ao quedar décimo, a só dous minutos do gañador, o australiano Brad Kahlefeldt.
A dura proba de Doha, primeira das pertencentes á Copa do Mundo de triatlón, desenvolveuse baixo un esmagador sol e a máis de 36ºC de temperatura. Nesas condicións, o campión ferrolán atuou os grandes da especialidade e demostrou que despois de tanto tempo está en condicións de desputarlle a vitoria a calquera. De feito, ao remate da proba de nado Gómez Noia ía segundo (18'42"), a só un segundo por detrás do británico Stannard. A transición para a bicicleta non foi tan boa, nin tampouco o percorrido sobre as dúas rodas, onde fixo o 23º mellor tempo, pero Gómez Noia recuperouse para marcar o quinto mellor rexistro na carreira a pé, que lle reportou a décima praza final.
Unha loita contra as circunstancias
O Consello Superior de Deportes recuou a semana pasada no proceso que seguía contra o triatleta ferrolán Xavier Gómez Noia e permitiulle competir nas probas que desexe. Cinco anos atrás un informe da cardióloga do Consello, Araceli Boraíta, determinaba que Xavier Gómez Noia puña en perigo a súa vida ao participar en competicións por causa dunha valvulopatía conxénita. Ao remate deste calvario legal, durante o que puido competir intermitentemente, Gómez Noia regresou en Doha con todas as honras e boa forma ás pistas. Agora a meta está nos mundiais de Lausanne, que se desputarán a finais de agosto nesta cidade suíza con importante colonia galega. Un bo lugar para que Galiza regrese ao cumio mundial deste deporte.Clasificación en Doha
1º Brad Kahlefeldt (AUS), 1:51'17"