Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
UN AUTOBÚS PERCORRERÁ GALIZA EN FAVOR DA IGUALDADE

O Mes Violeta: as mulleres piden poder

Fomentar a toma de decisións das mulleres na sociedade é a misión da campaña O Mes Violeta, que este xoves presentaron a Secretaría Xeral de Igualdade e a Consellería de Cultura e que durante o mes de marzo percorrerá nun bus violeta 25 localidades galegas informando a cidadanía de que "aínda hai un déficit na participación das mulleres na sociedade", segundo puxo de manifesto a secretaria xeral de Igualdade, Carme Adán. A campaña presentouse nun lugar simbólico, a Casa Museo de Rosalía de Castro, por ser esta muller, segundo destacou o vicepresidente Quintana, "todo un exemplo na súa época" e tamén co obxecto de visualizar o discurso feminista da escritora, que sempre queda agochado pola outra imaxe que se potencia dela".

- 18:31 02/03/2006
Tags:

Quintana sinalou que un obxectivo básico da Vicepresidencia é acadar a igualdade de oportunidades e enmarcou nesta liña de traballo unha campaña que busca, segundo dixo, " o empoderamento das mulleres a través da súa participación nas tomas de decisións". Así mesmo destacou que "por primeira vez, unha campaña realizada con motivo do día internacional da muller, recorre o país chegando a 25 localidades repartidas polas catro provincias, con múltiples actividades".

O director xeral de Creación e Difusión Cultural, Luís Bará, destacou a variedade e a importancia das actividades que se van desenvolver ao longo do mes, coas que se pretende, "tinxir de cor violeta o noso país, a nosa cultura e o futuro de Galicia". A campaña coincide co mes no que se reivindican os dereitos das mulleres, xa que o vindeiro 8 de marzo se celebra o Día da Muller Traballadora.

De xeito paralelo á información que se ofrecerá no bus, está prevista a realización de diversas actividades como conferencias, obradoiros, exposicións, mostras teatrais ou proxeccións de documentais que buscan amosar cal é o grado de participación das mulleres na sociedade e reivindicar que tamén elas queren participar en tódalas actividades da vida cotiá. Nestas actividades participarán distintas mulleres dos ámbitos da creación: Artistas, poetas, músicas, cómicas, cantantes, investigadoras... que tamén se subirán ao autobús violeta, "un espazo de liberdade, imaxinación e igualdade no que as mulleres se van atrever, poden querer porque tamén queren poder".

A campaña deu comezo este mesmo xoves cunha conferencia inaugural a cargo da ex parlamentaria Pilar García Negro, que falou de Rosalía de Castro, como a primeira feminista da nación galega.


Documentos

0/5 (0 votos)