De "sumatorio de edificios" a "xerador de sinerxias culturais". Así se referiu a conselleira de Cultura, Ánxela Bugallo, á redefinición do proxecto da Cidade de Cultura na que cavila o bipartito. Bugallo adiantou este mércores o esquema co que se quere converter o proxecto do Monte Gaiás en algo máis ca "un foco de atracción para o turismo", priorizando a súa función a prol do "intercambio cultural, a creación e a diversidade". Entre outros, proponse que o edificio de Novas Tecnoloxías pase a chamarse "Casa Mundo" e funcione coma "observatorio de tendencias culturais emerxentes, centro de transferencia cultural e mesmo sede dun proxecto cultural europeo". O proceso que agora comeza incluirá foros reais e en internet para o debate do seu futuro.
Ánxela Bugallo convocou unha rolda de prensa para explicar por primeira vez os proxectos concretos que o seu departamento ten ideados para a reformulación da Cidade da Cultura, tres días despois de que o Concello de Santiago organizase unhas xornadas de debate con 16 expertos encardos de redactar un informe que se presentará a semana que vén.
Os pasos a dar pola consellará pasarán pola contratación dunha empresa que dirixa tecnicamente o proceso de participación social que defina os usos dos edificios paralizados, pero que tamén contará co apoio de institucións como o Consello da Cultura Galega ou o Museo do Pobo Galego.
As obras dos edificios que nun principio acollerán a hemeroteca e a biblioteca están xa moi avanzadas, polo que a Consellaría contou con pouca marxe de manobra á hora de redefinir o seu contido. Xa que logo, mantense a función deses edificios para un centro bibliográfico e documental que se concretará nunha gran Biblioteca Nacional -"nun país no que o seu sistema bibliotecario está subdesenvolvido"- que integraría a Hemeroteca, deixándolle o edificio previsto para esta ao Arquivo Administrativo e Histórico.
De todos xeitos as maiores novidades aplícanse aos dous edificios nos que se suspenderon as obras. Así, o edificio inicialmente previsto de Novas Tecnoloxías acollerá un centro da diversidade cultural, provisionalmente denominado Casa Mundo, que funcionaría como "soporte dun observatorio de tendencias culturais emerxentes, centro de transferencia cultural e mesmo sede dun proxecto cultural europeo". A responsable de Cultura tamén citou a posibilidade de acoller a sede dalgún organismo internacional como a Unesco, con quen xa se están a manter negociacións.
En canto ao que antes estaba planificado como Teatro da música, agora convertiríase no Escenario Obradoiro, un espazo polivalente con dous auditorios, sala de exposicións e sede dunha factoría cultural, que incluiría obradoiros de creación para artistas, viveiro de proxectos culturais e laboratorio de ideas e deseño, ademais dun centro de recursos para a realización de producións ou bens culturais.
Participación social
A titular de Cultura tamén informou de que a semana vindeira se publicarán as bases da convocatoria de concurso público aberto, que conta cun orzamento de 85.000 euros e cun período de execución de cinco meses. Isto quere dicir que o proceso rematará en setembro, cando todas as mesas sectoriais converxerán nun foro –real e tamén na web- no que se dirimirá o futuro dos edificios por definir.
Bugallo subliñou que sexa cal sexa a empresa adxudicataria do concurso, "o seu papel é meramente técnico, non deseñarán os contidos senón que coordinarán o propio proceso de participación social, que é moi complexo, aínda que estará guiado e orientado pola Consellería en todo momento".