"Crin que nos axudaría", explícoulle George W.Bush a Bill Sammon para o seu libro Strategery, ao fío da difusión poucos días antes das últimas eleccións presidencias nos EUA dun vídeo de Ben Laden. "Pensei que sería bo lembrarlle á xente que se Ben Laden non quería a Bush coma presidente, Bush debía de estar facendo algo ben". Ao tempo, e segundo unha sondaxe da CBS, o presidente estadounidense acada o seu máis baixo nivel de valoración entre os cidadáns, con só un 34% de enquisados avaliando positivamente a súa xestión.
Bush lembra así o polémico episodio da difusión desas gravacións en plena campaña electoral, o venres antes de que os estadounidenses acudisen a votar, e refírese á avaliación que daquela fixo o seu equipo dese factor "ían axudarnos? Ían facernos dano?", conta o actual presidente dos EUA que cavilaron. Sobre o asunto, Bush cualifica de "interesante intervención do noso inimigo" a difusión dese documento e nese momento, con Ben Laden criticándoo directa e duramente e recoñece puido contribuír á súa vitoria sobre o candidato demócrata, John Kerry. As súas reflexións están recollidas no libro que sobre a súa actividade na presidencia dos Estados Unidos escribiu Bill Sammon, antigo correspondente do Washington Examiner na Casa Branca e analista político no canal conservador Fox News. Ademais, a publicación do volume está financiada polo colectivo ultraconservador Regnery.
Á beira, chega nova da máis rápida caída no apoio á xestión dun presidente dos EUA desde os tempos de Richard Nixon co Watergate. Así, e segundo unha sondaxe da CBS a porcentaxe de cidadáns que avalían positivamente a súa xestión non pasa do 34%, cun 59% que a cualifican negativamente. Por outro lado, só un 30% aproba a forma de proceder do goberno estadounidense en Iraq e a maioría considera que os EUA están fracasando en conseguir a estabilidade para Iraq. A metade dos estadounidenses tamén desarpoban o xeito en que o goberno Bush xestiona o que bautizou coma guerra contra o terrorismo. A sondaxe tamén lles preguntou aos cidadáns sobre a beizón que o executivo lle deu á toma de control dunha empresa de Dubai sobre os seis maiores portos dos Estados Unidos, movemento ao que se opoñen sete de cada dez dos enquisados.