Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
CO APOIO DE TODOS OS PARTIDOS AGÁS O PP

O Congreso aproba a rehabilitación da figura de Alexandre Bóveda

"Promover a rehabilitación institucional, moral, xurídica e persoal de Alexandre Bóveda, fusilado por defender a legalidade democrática e as aspiracións de autogoberno de Galiza" será tarefa para a colaboración de goberno español e a Xunta de Galiza. O pleno do Congreso aprobou este martes unha iniciativa do BNG para instarlle ao executivo na recuperación da memoria do político galego fusilado en 1936. O deputado galego Julio Padilla foi voceiro do PP na xustificación da abstención do seu grupo, ademais de seis votos en contra, acusando aos outros partidos de "nostalxia guerracivilista".

- 07:03 01/03/2006
Tags:

A proposta que aprobaron os grupos parlamentarios é o primeiro paso para unha rehabilitación da figura de Alexandre Bóveda que incluirá a anulación do consello de guerra ao que o galeguista fora sometido. O texto facía mención tamén á necesidade de que o goberno español adoptase as medidas necesarias para, en colaboración coa Xunta, recuperar a memoria histórica democrática coa fin de proceder á rehabilitación e recoñecimento das vítimas da represión polo levantamento militar franquista do ano 36".

O deputado do BNG Francisco Rodríguez, quen defendeu a proposta no Congreso, salientou a "importancia histórica da figura de Bóveda: todo un símbolo para os galegos e galegas". Rodríguez lembrou que Bóveda estudioso da economía fiscal e redactor do Estatuto de Galiza no ano 1932, foi "defensor do texto estatutario diante dos concellos galegos, e promotor do Partido Galeguista, un home necesario nese momento histórico, xoven, sen cargos institucionais, progresista e nacionalista". Ao fío, lembroulle aos deputados populares que Bóveda foi redactor do Estatuto de Galiza, "moitas veces en compañía de Raxoi o avó do presidente do PP, Rajoy".

"Recuperar a memoria dignifícanos", subliñou ao respecto Ceferino Díaz, deputado galego do PSOE, na súa intervención en apoio da petición, destacando que o seu grupo parlamentario traballará por "reconstruír o destruído". "Hoxe están aquí presentes o catalanismo e o galeguismo e o Estado español terá que aceptalo finalmente", afirmou Joan Tardá, representante de Esquerra, que tamén fotou en favor.

Po outro lado, Julio Padilla, deputado do PP, xustificou as abstencións e votos en contra do seu grupo na denuncia de "certa nostalxia guerracivilista". Paradoxalmente incluíu na súa intervención a afirmación de que "tamén nós poderiamos falar de moitas cousas" referíndose a continuación aos fusilados no castelo de Montjuic ou ao pai dun deputado do PP "asasinado por pertencer á CEDA".


Ligazóns

0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: