Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
QUERE QUE SE REHABILITE PUBLICAMENTE COMO SÍMBOLO "DA GALIZA MARTIRIZADA" NO 36

O BNG esíxelle ao Executivo o mesmo trato para Alexandre Bóveda que para Companys

O Pleno do Congreso dos Deputados debate hoxe a proposición non de lei do BNG que insta ao Goberno a rehabilitar publicamente a memoria de Alexandre Bóveda, fusilado polos golpistas o 17 de agosto de 1936, como símbolo "da Galiza martirizada polo levantamento". O deputado nacionalista Francisco Rodríguez pide tamén que se anule a causa procesal 356/36 contra Bóveda, agora mesmo no Arquivo Militar de Ferrol. A mesma caste de xuízo sumarísimo que condeou a morte en 1940 ao último presidente republicano da Generalitat, Lluís Companys, causa que o Executivo xa se comprometeu a anular.

- 10:24 28/02/2006
Tags:

O BNG pedirá tamén que o Executivo se comprometa a impulsar e apoiar iniciativas de restauración da verdade histórica en relación coa represión militar que seguiu ao 18 de xullo de 1936, e se dicten medidas para a reparación moral e económica das vítimas do franquismo.

"Bóveda representa perfectamente as aspiracións de autogoberno, dignidade e libertade do pobo galego", sinalou Rodríguez. A rehabilitación da súa figura, 70 anos despois do seu fusilamento, serviría tamén para comezar a encadrar o Ano da Memoria.

70 anos despois

O 20 de xullo de 1936 estendeuse o alzamento militar por toda Galiza. Os capitáns golpistas prenden a Bóveda e envíano ao cárcere de Pontevedra, desde onde pasará a Ponte Caldelas e logo a Caldas de Reis, até que o traen de volta a Pontevedra, onde bota máis de vinte días nunha escola que facía de improvisada cadea, con outros presos políticos de diversas clases sociais.

O 13 de agosto celebrouse no salón de actos da Deputación un xuízo sumarísimo no que Bóveda fai unha defensa emocionada dos seus ideais galeguistas. O Tribunal Militar condéao a morte, sen que a súa familia e os seus amigos poidan facer nada para evitalo.

Despois de recibir confesión, é conducido nunha camioneta á Caeira o día 17. Un tiro directo no corazón pón fin á súa vida e o cadáver é trasladado ao cemiterio de San Amaro. Os exiliados galegos de Bos Aires decidiron facer do 17 de agosto o Día da Galiza Mártir, celebración que aínda segue viva entre os sectores galeguistas.


0/5 (0 votos)