Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
LOGO DO INFORME XURÍDICO DO PARLAMENTO

Os partidos seguen a rifa sobre a fórmula para negociar a reforma estatutaria

"O informe avala a posición defendida polo Bloque de crear unha ponencia que dependa da Comisión Primeira", asegurou este venres Carlos Aymerich, voceiro parlamentario do BNG, sobre a análise realizada polos servizos xurídicos do Parlamento. Sobre o mesmo punto, o voceiro do PPdeG, Alberte Núñez Feijoo, opina exactamente o contrario: "aválase a legalidade de crear unha comisión específica que respecte a representación democrática de cada forza política". O próximo luns haberá nova xuntanza dos partidos. Sobre o asunto falou tamén en entrevista para a TVG o secretario de Estado de Relacións coas Cortes, Francisco Caamaño, quen dixo ver aos populares galegos condicionados pola postura "que probablemente lle impón o PP" a nivel estatal.

- 13:29 24/02/2006
Tags:

"Deixa claro nos seus termos, que a proposta do PPdeG retrasaría todo o proceso", destacou o voceiro do Bloque, Carlos Aymerich, do informe realizado polos servizos xurídicos do Parlamento galego. Na súa opinión, o documento asinado unanimemente polos cinco xuristas da institución "avala a posición defendeida polo Bloque", malia que o deputado nacionalista se amosou a favor de en todo caso "impulsar a reforma do actual regulamento que impuxo en solitario o PP".

"O BNG está disposto a buscar alternativas e fórmulas que contenten a todos e ás que ninguén lle poida poñer pegas", prometeu o voceiro do Bloque insistindo en que a mellor fórmula pasa pola creación dunha comisión de estudo que remita logo o texto elaborado. "Se nesta orde de cousas o PP segue buscando excusas pensamos que a credibilidade da súa dirección en Galiza está en entredito", advertiu Aymerich.

Feijoo insiste na legalidade da proposta do PPdeG
"As diferentes comisións que funcionan no Parlamento respectan esa proporcionalidade: cada unha ten 15 membros: 7 do Grupo Popular, 5 do Grupo Socialista e 3 do BNG", insistiu Alberte Núñez Feijoo. Así, e cara á xuntanza que acordaron para o próximo luns os tres partidos, o voceiro e presidente do PPdeG insistiu en que "se respecte a representación democrática acadada por cada un dos tres grupos parlamentarios nas recentes eleccións". "A proporcionalidade é a fórmula empregada polos parlamentos de Andalucía, Valencia e Canarias para a reforma dos seus respectivos Estatutos" , subliñou.

De paso, precisou tamén en que nas conclusións do informe xurídico se recolle que "nada impide a creación dunha comisión non permanente especial de estudo para a reforma do Estatuto que podería nomear unha ponencia conxunta que elaboraría a proposición de lei".

Malia todo, os populares din estar seguros de que, alén da fórmula que finalmente se escolla, o proceso botará a andar no pleno do próximo martes 7 de marzo.

Caamaño subliña a constitucionalidade do proxecto catalán
Home clave na negociación do Estatut catalán, o ceense Francisco Caamaño, secretario de Estado de Relacións coas Cortes, falou este venres para a TVG tamén sobre o inicio da reforma estatutaria en Galiza, afirmando agardar que " a oposición se sume á iniciativa" e que "abandone a postura que probablemente lle impón o PP" asumindo que "ten que representar os intereses de Galiza e sentar a traballar". "Vexo a reforma con moita esperanza e agardo que as forzas políticas galegas fagan un bo Estatuto para Galicia, o que se merece como nacionalidade histórica que é", comentou.

Experto en dereito constitucional, Francisco Caamaño foi o escollido para a coordinación das conversas entre o goberno español e as forzas políticas de Cataluña cara á negociación do Estatut. Caamaño explica que o texto que chegara desde o Parlament catalán "podía ter dende o punto de vista constitucional algúns excesos, pero non creo que fora tan claramente inconstitucional como se ten dito. Eles apuraron a interpretación da Constitución ao límite pero inconstitucionalidades frontais non existían realmente. En todo caso, as que pudiera haber quedaron absolutamente despexadas". "O Estado nunca estivo en perigo nin en cuestión. Todo o contario, o noso obxectivo é que o Estatuto catalán cohesione aínda máis España", reflexionou, seguro de que "o paso do tempo se demostrará que todas esas proclamas eran falsas".


Ligazóns

0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: