O organismo do Convenio Sobre a Diversidade Biolóxica dependente do programa Unesco para o Medio Ambiente cursou onte unha invitación dende Montreal por medio do seu secretario executivo Dr.Ahmet Djoghlaf a ONG de todo o mundo a participar nun foro no que se contrasten as fortalezas e debilidades das distintas experiencias levadas adiante para a conservación da riqueza da variabilidade ecolóxica do planeta, a Conferencia Virtual Curitiba sobre a diversidade biolóxica, debate preparatorio do grande cumio sobre a biodiversidade a celebrar na cidade de Brasil de Curitiba o próximo mes de marzo.
Na idea de todos está estudiar as fórmulas que a humanidade debe emprender para frear o preocupante proceso de extinción do patrimonio xenético do planeta, agudizado pola especie humana co seu crecente ritmo de insostibilidade no aproveitamento dos recursos naturais especialmente nestes últimos 150 anos. Segundo un informe do Fondo Mundial para a Natureza (WWF) cada ano desaparece unha superficie de bosque equivalente á superficie de Grecia, coa conseguinte extinción dunhas 20.000 especies, a maioría antes de que se descubran para a ciencia.
Co motivo da invitación cursada por este organismo varias asociacións ecoloxistas galegas, reunidas onte en Santiago de Compostela, acordaron participar conxuntamente no foro coa idea de dar a coñecer ó resto do mundo cal é a contribución de Galiza no concurso da protección do patrimonio ecolóxico. Para a participación no foro escolleuse coma referente o que consideramos unha das mellores manifestacións da riqueza e variabilidade biolóxica coas que conta o país, As Fragas do Eume, e que coincide precisamente no ano no que se cumpre o décimo aniversario da aprobación do seu Plan de Ordenación dos Recursos Naturais e nove dende que ostenta unha das máximas figuras de protección: a de Parque Natural.
Os expertos en fitoxeografía afirman que en toda a Europa atlántica só os bosques incluídos no Parque Nacional de Killarney, en Irlanda, ou o New Forest do sur de Inglaterra, poden catalogarse no nivel valorativo dos bosques do Eume, pero o galego é superior pola súa extensión, diversidade e representatividade.
Na elección deste senlleiro espazo natural tamén coincide a idea de poñer de manifesto a grande perda de biodiversidade que trouxo consigo a reducción, practicamente á mínima expresión en todo o continente europeo, dos denominados bosques atlánticos, ecosistemas forestais condicionados pola presenza do océano cunha vexetación adaptada a unhas condicións máis cálidas e húmidas cós bosques naturais máis de terra a dentro. De feito, as Fragas do Eume constitúen a mellor representación supervivinte en toda Europa deste tipo de bosque.
A biodiversidade de especies de flora e fauna que alberga fan deste lugar un dos principais complexos de riqueza biolóxica de toda Galiza. Conta con 23 especies arbóreas, 28 especies de fieitos, máis da metade das especies de briófitos de Galiza, 250 especies de liques, máis dun centenar de fungos, e 126 especies de vertebrados. Entre todos estes atópanse especies únicas, endemismos, especies protexidas, especies raras, e algunhas en perigo de extinción. Cabe salientar a presenza de 7 especies de fieitos típicos de climas subtropicais e considerados fósiles viventes nas Fragas do Eume e cuxo orixe se remonta ó período terciario, entre hai 65 e 1,6 millóns de anos. Esta censada unha das menos de 10 parellas de Bufo real existentes en Galiza que cría e se refuxia nos centenarios carballos do bosque, e se alimenta de pequenos vertebrados que caza principalmente nas escasas hectáreas de campos de brañas, breixos, toxos e pasteiros situados nos cumes do canón do Parque do Eume, formacións non arbóreas pero que contribúen igualmente a complementar a riqueza ecolóxica do parque e sustentan a outras dúas especies tan ameazadas coma a salamántiga galega Chioglossa lusitanica ou a aguia coñecida coma a tartaraña cincenta Circus pygargus.
A contribución ecoloxista galega neste foro internacional aberto a expertos e ó resto da sociedade será a de explicar a partir da análise da experiencia de tódolos pasos que se teñen focalizado para a conservación da biodiversidade e os seus resultados neste senlleiro espazo galego.
Animamos á nova administración galega a que mimen este espazo natural protexido tanto pola súa importancia dentro do continente europeo coma por ser un dos escasos espazos protexidos cos que conta Galiza. O novo goberno debe emprender medidas firmes e decididas para garantir a conservación íntegra dos poucos espazos naturais protexidos existentes no país, deseñando modelos de desenvolvemento sostibles para estas áreas e que contén coa participación activa da poboación, e inculcar a súa vez o conxunto da poboación galega da importancia que ten preservar a nosa riqueza biolóxica e as súas áreas naturais.
Frear a desaparición de especies do planeta pasa por conservar a biodiversidade local de cada rexión.