O desemprego é con moito o principal problema do que os cidadáns se laian en Galiza, que sitúan tamén entre as súas preocupacións principais a vivenda, a situación económica e a precariedade do traballo. Por outro lado, ao ser preguntados polo CIS sobre a necesidade de reforma do Estatuto de autonomía, os galegos cualificárona de pouco ou nada necesaria nun 41.9% dos casos, fronte a un 37.2% que ao subliña como moi ou bastante necesaria. Paradoxalmente, cando se lles preguntou aos cidadáns de xeito concreto polo suposto de que esa reforma se acometa aparece un apoio maioritario tanto ao incremento de competencias para o goberno galego como a prol de que todas as decisións importantes se tomen en Galiza.
En ampla maioría, os galegos tamén se manifestaron a prol de que o goberno autonómico poida intervir nos temas europeos que lle afecten máis directamente. E por outra parte, destaca a indiferencia e o descoñecemento fronte á posibilidade de que Galiza conte cunha Axencia Tributaria propia, posibilidade sobre o que a maioría dos enquisados ou non sabe ou non contesta.
A maioría dos galegos está a prol de reformar a Constitución, un 43.1%, fronte a un 37.5% que prefiren deixala como está. E nese proceso, a reforma dos estatutos de autonomía e a sucesión da Coroa son os puntos principais onde din que lle hai que meter man ao texto constitucional, aparecendo tamén destacados aínda que a máis distancia a garantía dos dereitos sociais, o sistema de xustiza e o fomento da igualdade das mulleres, como prioridades a introducir na reforma da Constitución.
Sobre posíbeis alternativas á organización do Estado, un 63.5% prefire un Estado con comunidades autónomas semellantes ás actuais, por un 22.9% que se manifesta en favor dun modelo con máis autogoberno. A avaliación do sistema autonómico é positiva nun 69.1% dos casos, cun 58.9% que considera positivamente que contribuíron a achegar a xestión dos asuntos públicos aos cidadáns, aínda que un 42.1% que está moi ou bastante de acordo coa afirmación de que contribuíron a aumentar o gasto público sen mellorar os servizos públicos.
Sobre o escenario cara á reforma, un 56.8% afirma que é mellor non facela se non se consegue un apoio amplo no Parlamento e un 17.7% que é importante facela, aínda no caso de que algún partido se opoña. De paso, o CIS preguntoulle aos galegos polas reformas dos estatutos valenciano e catalán. No caso do texto que o Parlamento valenciano mandou ao Congreso, un 90.4% afirma estar pouco ou nada informado. Do mesmo xeito se pronuncian os galegos sobre o texto da reforma estatutaria para Cataluña, do que malia as rifas con ampla repercusión mediática, sobre o proxecto en concreto, un 78% dos galegos recoñecen estar pouco ou nada informados.
O CIS deulle ao escoller tamén aos enquisados entre dúas definicións posíbeis de Galiza: un 74.6% escolleu "rexión", por un 17% que prefiriu "nación". Doutra banda, para referirse a España, un 51.2% escolleron "país", por un 17.8% que dixo "nación" ou un 15.3% que se decantou por "Estado do que son cidadán" e un 14.4% que seleccionou a opción "Estado formado por varias nacionalidades e rexións".