Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
COA OPOSICIÓN DOS DEPUTADOS DO PPdeG

O Parlamento vota en favor do deseño dunha lei que protexa os ríos

Os deputados socialistas e nacionalistas déronlle este martes a súa beizón á Iniciativa Popular en Defensa dos Ríos que chegaba co aval de máis de corenta colectivos e case 39 mil sinaturas, e que agora deberá dar lugar a unha comisión de traballo que axuste o texto final da nova lei. Ao tempo, prometéronlle á comisión promotora que facilitarán a súa participación en todo o proceso. Por outro lado, os ecoloxistas recibiron con sorpresa o voto en contra do grupo parlamentario do PPdeG, desde onde hai quince días recoñeceran estar de acordo coa necesidade dunha nova lexislación e que agora votaron en contra da iniciativa. O voceiro deste partido, Xaime Castiñeiras, cualificou de "redundante" a proposta, asegurando que "pretende lexislar sobre aspectos xa regulados no ámbito europeo".

- 12:32 21/02/2006
Tags:

"Falamos hai quince días co PPdeG e aseguráronnos que compartían a filosofía da Iniciativa Popular en Defensa dos Ríos, malia que aínda non tiñan tomada a decisión sobre a posición que manterían no debate parlamentario", conta Xan Louzao, voceiro da Coordenadora Galega en Defensa dos Ríos. Desde a comisión promotora da Iniciativa, subliñan que este partido "dera a entender que ía votar a favor" e ven nesta viraxe na postura do PP a implícita crítica que a Iniciativa trae contra as insuficientes políticas aplicadas polos executivos de Manuel Fraga. "Seguen no monte", láianse os ecoloxistas criticando a renuncia ao diálogo do PPdeG.

Ao respecto, Louzao considera que o PPdeG podería actuar "con máis tacto" logo das evidencias e probas que veñen coñecéndose nos últimos tempos, especialmente no ámbito das concesións hidroeléctricas, sobre as irregularidades facilitadas polo anterior goberno. Consideran así que o partido liderado por Núñez Feijoo "non quere cambiar cos tempos" e que perdeu unha excelente oportunidade para facilitar o consenso parlamentario arredor dunha iniciativa clave para o contorno natural galego. Por outro lado, gaban a postura construtiva de PSdeG e BNG, así como a promesa de "non desvirtuar a filosofía do texto" no proceso que agora se abre para a redacción final da lei e destacan que socialistas e nacionalistas aceptasen que a comisión promotora da Iniciativa sexa "parte activa" neste proceso e poida facer as súas achegas e propostas durante o deseño do novo marco lexislativo.

O PPdeG cualifica de "redundante" a proposta
"Carece de lóxica regular aspectos que xa están absolutamente lexislados e previstos para toda Europa", afirmou na súa intervención Xaime Castiñeiras, voceiro de Medio Ambiente do Partido Popular, "unha norma adicional suporía tan só aumentar a complexidade lexislativa, que dificultaría a realización de actuacións e medidas concretas".

O PPdeG tamén considera que "a hipotética derrogación do Plano Sectorial Hidroeléctrico, sen aprobar ningún plan alternativo, conduciría a unha desregulación de tal calibre que, desde o punto de vista legal, sería posíbel desenvolver calquera tipo de actuación sen limitación de ningunha clase", malia que Castiñeiras dixo que o seu partido aceptaría negociar un novo plan sectorial, "no canto de derrogar o existente".

Comentou tamén o voceiro de Ambiente do PPdeG que a propia iniciativa "recoñece que moitos dos problemas que denuncia esta proposta débense a incumprimentos da lexislación existente" e insistiu en que "gran parte deses aspectos xa están regulados no ámbito europeo a través da Directiva Marcoa da Auga", que na opinión do grupo parlamentario do PPdeG "fixa claramente os obxectivos da política ambiental a acadar".


Ligazóns

0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: