Un 78.9% dos galegos está de acordo coa existencia dunha débeda de investimentos histórica do Estado con Galiza, porcentaxe que é máxima entre o eleitorado do BNG e do PSdeG, 87.2% e 81.3% e que entre os votantes do PPdeG chega ao 67.7%. Así o recolle unha enquisa encargada pola Vicepresidencia da Xunta da que se fixeron públicos os datos este luns. O secretario xeral de Relacións Institucionais, Antón Losada, destacou que o 83.9% dos galegos "apostan de xeito rotundo por un modelo propio para a reforma do Estatuto de Galiza, considerando deste xeito que o modelo catalán non é un referente do camiño que se debe seguir".
Só un 12.5% dos galegos rexeita a existencia dunha débeda histórica do Estado con Galiza, segundo a enquisa presentada este luns pola Vicepresidencia da Xunta, cun 8.6% que non se pronuncia ao respecto. Á beira, un 74.8% dos enquisados maniféstanse a prol de que o proceso de reforma estatutaria que agora se abre sirva para a reclamación desa débeda histórica.
Ao fío e preguntados de xeito concreto por esa reforma, un 31% dos cidadáns cualifica de "urxente" a necesidade dun novo Estatuto de autonomía para Galiza, por un 29.9% que a definen coma "pouco urxente". Nos estremos, un 6.1% asegura que a reforma do Estatuto é "moi urxente", mentres que un 17.2% a cualifica de "nada urxente" e un 12% de "relativamente urxente". Así e todo, un 52.2% dos preguntados amosáronse a prol de que Galiza as maiores competencias posíbeis e desenvolva ao máximo as posibilidades do autogoberno, porcentaxe que desde Vicepresidencia lembran que o pasado mes de outubro quedaba no 38%.
Unha porcentaxe do 78.3% afirman ademais que a súa identidade se reforzou logo dos vinte e cinco anos de desenvolvemento autonómico, cun 55.3% que valoran positivamente o crecemento económico experimentado neste treito e un 75.5% que asegura que a súa calidade de vida mellorou nese período. De paso, un 65.1% dos galegos din crer que o Estatuto axudou a ese desenvolvemento e un 68.8% que o Estatuto axudou á mellora da súa calidade de vida.