Unha postal coa imaxe dunha mezquita e unha mensaxe escrita a man que di "nós durmimos aquí", xunto cuns corazóns debuxados, é a etiqueta da nova colección de roupa de Bershka que parece que molestou aos clientes da tenda de Dubai até o punto de que Inditex decidiu retirar todas as prendas que a que a levaban das 368 tendas Bershka que ten en todo o mundo. Así llo confirmou a multinacional téxtil galega a InformativosTelecinco.com, sinalando que non pretendían ferir ningunha sensibilidade, e que a frecha debuxada en realidade apunta ao xardín e non á mezquita.
Non o deberon interpretar así as clientas do Bershka de Dubai, que din que os comentarios escritos na etiqueta describen o edificio "como un sitio onde se encontran os amantes", tal como recolle o diario dos Emiratos Árabes Khaleej Times. Nel unha vendedora da tenda explica que as prendas que levaban esa etiqueta chegaron dende España a semana pasada, e que "cando nos avisaron do erro, retiramos esa roupa dos escaparates".
Segundo informa a edición dixital de Informativos Telecinco, Inditex xa lles pediu desculpas aos seus clientes en Dubai cun comunicado escrito en árabe e publicado no diario Al Bayan.