Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
FINANCIAMENTO E ESTATUT CATALÁN SEGUEN CONDICIONANDO O DEBATE

Os partidos negocian o método para a reforma estatutaria mentres os líderes seguen cruzando reproches

Xosé Manuel Barreiro, Ismael Rego e Carlos Aymerich, voceiros parlamentarios respectivos de PPdeG, PSdeG e BNG, teñen cita este luns para a definición do método a través do cal o Parlamento galego debe tratar a reforma do Estatuto de Galiza. Durante a fin de semana, o líder do PPdeG asegurou ver "un vendaval político, entre comiñas, dentro do goberno", cualificando de "desautorización" de Touriño a Quintana as recentes declaracións sobre financiamento de presidente e vicepresidente da Xunta. Desde o bipartito acusan a Núñez Feijoo de teimar con imprecisións e "ambigüidades" en obstaculizar o inicio do proceso.

- 07:22 20/02/2006
Tags:

O PPdeG insiste na creación dunha comisión específica para o debate da reforma estatutaria, metodoloxía á que se opoñen PSdeG e BNG, que lembran que esa comisión "non tería validez lexislativa" e recomendan impulsar unha ponencia a través da comisión institucional do Parlamento. Á beira, non está claro aínda en que medida as comparecencias serían públicas e abertas na súa totalidade, coma en principio parecían pedir os populares, ou ben só en parte, como preferían socialistas e nacionalistas. Por outro lado, está tamén o conflito sobre a representación de cada un dos grupos parlamentarios neste debate, xa que se ben desde o bipartito se propuxo que a comisión ou ponencia estea integrada polo mesmo número de deputados por cada unha das formacións, desde o PPdeG insisten en que o número de representantes se distribúa en función da propia representación parlamentaria.

Á necesidade de aclararen xa estas cuestións para botar adiante o proceso chégase ademais logo duns días de fortes enfrontamentos cruzados a través dos medios entre bipartito e PPdeG. Así, o líder dos populares dixo ver "a máis grave discrepancia dos seis últimos meses" na presunta desautorización por parte do presidente da Xunta ao vicepresidente, a conta do diálogo co Estado sobre o modelo de financiamento, que Anxo Quintana vén subliñando que debe producirse de xeito bilateral. O líder do PPdeG acusou a PSdeG e BNG de "carecer de lexitimidade" reprochándolles que "queren reformar a casa de todos os galegos, que é o Estatuto, pero non se poñen de acordo sobre o modo de facere esa reforma". Tirando do mesmo exemplo Feijoo lanzáballe aos cidadáns a pregunta de se estarían "dispostos a comezar a reforma sen saber, por exemplo, de onde se van sacar os cartos para financiar os traballos". No mesmo sentido, o vicepresidente do PPdeG, Xosé Manuel Barreiro, asegurou esta fin de semana nos micrófonos da Cadena Ser que "o sistema vai rematar rachando" se o financiamento autonómico se segue pactando de xeito bilateral por todas e cada unha das comunidades autónomas. "Se todos sacamos anacos da torta, esta non vai dar para todos e desaparecerá antes de entrarmos ao reparto", afirmou Barreiro.

En resposta ás acusacións dos populares, o voceiro do PSdeG no Parlamento, Ismael Rego, retrucou que "Feijoo debe deixar de marear a perdiz e aclarar dunha vez se comparte ou non a estratexia cara á reforma estatutaria que teñen Rajoy, Zaplana e Acebes". Rego acusou aos populares galegos de "vir impedindo desde hai anos a creación da ponencia para a reforma do Estatuto galego". Na súa opinión, Núñez Feijoo non aclarou aínda se ten verdadeira vontade de iniciar este camiño. "Cada día poén unha nova pedra para obstaculizar o proceso", laiouse Rego.

En parecido sentido se pronunciou o coordenador da executiva do BNG, Francisco Jorquera, quen ao fío das presuntas diverxencias entre socialistas e nacionalistas neste debate comentou que son diferencias de opinión "propias da democracia política e mesmo son enriquecedoras para o traballo que se desenvolve" e acusou ao PpdeG de "seguir ao pé da letra as instrucións ditadas pola dirección madrileña do partido". Jorquera pediulle a Núñez Feijoo "traballar en serio para defender o benestar dos galegos e galegas" e colaborar na apertura dun proceso de reforma "aberto, sen vetos nin exclusións".


Ligazóns

0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: