Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
O GRUPO DE NOVO EN ROTA

Lamatumbá: a xente pedía disco

Fieis á lenda ilustrada que David Rubín imaxinou para eles "a bordo dun barco que se move sen fin por un océano de lume", e que recolle a portada do seu disco, desembarcan en tarde de choiva en Compostela unha representación dos mozos, e moza, que lle dan xeito ao proxecto Lamatumbá. O seu Lume (para que saia o sol), esgotouse xa nos andeis, e do forno vén de saír unha nova remesa para mantenza do amplo número de seguidores que devecen por el. Veñen presentar a reedición, e de paso, confesan a emoción de irlle poder facer achega á banda sonora do Xabarín Clube. Despiden ofrecendo recomendación de onde se pode catar o mellor licor café ourensán.

- 11:15 17/02/2006
Tags:

No principio había por aí uns que lles dicían os Chanquiñas, rebuldeiro colectivo de adolescentes a arranxar entroidadas pola parte de Ourense, no instituto das Lagoas. Algúns daqueles, armando riso a conta dalgúns profesores combinaron as primeiras músicas e letras e axustáronse os primeiros vimbios musicais que logo darían lugar ao que hoxe é Lamatumbá, apostolado festeiro de doce máis un, entre os dez músicos e os tres técnicos, equipo básico con crecente predicamento no escenario musical galego que logo dun verán cheo de esmorgantes trunfos por todo o país esgotou a tiraxe deste seu primeiro disco. Do forno vén de saír unha nova remesa para mantenza do amplo número de seguidores que piden por el.

E é que os Lamatumbá fixeron camiño diferente a outros grupos: primeiro foron os directos, incansábeis e festeiros, con apenas unha mostraxe maqueteira que ofrecer e ampla difusión en radiocasetes. O aval do público que fixo sentenza do seu éxito, requeriu repensar o proxecto e darlle forma a un disco. "O noso é o directo", sinalan seguros, "é onde estamos cómodos de verdade". Así e todo, confesan que "aprendemos moito entrando no estudio" e recoñecen ter sacado moito proveito dese necesario paso "en serio" á gravación, que os levou a terras vascas, onde contaron coa produción de Kaki Arkarazo. A reedición e o proxecto de concertos para 2006 apunta máis ambicioso e con vontade de "saír un chisco máis para aló do Padornelo", de onde xa gardan grata lembranza da experiencia cos públicos cataláns ou madrileños . Desde a súa distribuidora, Discmedi, lembran que un terzo dos discos foi distribuído fóra de Galiza, con envío incluso a Alemaña e Francia, e desde a discográfica, Falcatruada, destacan a interese que o grupo xa espertou por terras de Cataluña, Euscadi ou Andalucía, e agóiranlles meses de moita actividade nas estradas aos lamatumbeiros.

Verán de éxito
"Os concertos de verán foron espectaculares, viviámolo riba do escenario e ao baixar", lembran do ferver da xente a pé dos escenarios, traendo á memoria algúns berros deses marcados a ferro, "Seguide dando lume!". Subliñan a "resposta incríbel" dun público fiel, recordando mesmo o grupo de seareiros que no último verán foi quen de seguilos por todos e cada un dos concertos que deron pola xeografía galega.

"Pasar a barreira dos tres milleiros de discos vendidos é todo un éxito para o que se move na escena musical galega", recoñecen desde Falcatruada, a discográfica que os apoia nesta nova andaina. Máis alleos aos números e apurando unhas copiñas de licor café, Adrián, Tono, Ángel e Cris, representantes da tropa este xoves na tenda de discos Gong, en Compostela, onde se fai presentación do disco, confesan unha recente satisfacción ben diferente: o porco máis famoso da tv mundial agarda por eles. E é que din estar seguros do punto de inflexión que vai supoñer na súa traxectoria o Xabarín Clube. "Sempre pensamos que chegaramos tarde!", confesan, "que nos faltaran aí uns tres ou catro anos para entrar". Xa que logo, o novo desafío para Lamatumbá é o novo tema, especialmente arranxado para este evento, que contribuirá á nova banda sonora do Xabarín. "É coma se nos puxeran unha medalla, un goce que pensen en nós". Festa será título, ben definitorio dunha canción que ben con agasallo audiovisual extra. Porque o grupo tamén mira con cobiza a oportunidade de filmaren un videoclip: "tiñamos gañas de trasladar a imaxinación do musical tamén ao vídeo, de transmitir visualmente o noso concepto".

Paso ás outras músicas posíbeis
Teñen tempo de paso para facerlle análise urxente aos sombrizos corredoiros aos que as realidades musicais da era do Operación Trunfo restrinxiu ao común dos músicos de verdade, que se fan camiño polos escasos escenarios. Do seu discurso sae longa lista de grupos galegos, a Matraka Perversa, a Compañía do Ruído, Marful, Narf .... "hai por aí moita música que pode funcionar, hai moito potencial e moi desaproveitado, existe un movemento cultural musical que moitos non saben que está aí vivo", láianse, subliñando das estreitas referencias que a míudo os espazos mediáticos conceden ao que se saia do máis comercial.

Malia que aínda non atoparon o disco no top manta da ourensá rúa do Paseo, calcúlanlle unhas cantas copias do disco por aí adiante e máis dun arquivo gambeando a internet polas redes de intercambio. Así e todo, confesan que asinarían a frase aquela de "por favor, pirateen as miñas cancións", seguros de que o feito de que o público coñeza a música dos grupos é fundamental para que se interesen polos seus concertos. E de paso apuntan outro argumento, imprescindíbel, que xustifica a compra do disco, "o que vexa o que fixo David, ha de querer ter o disco". Non aforran louvanzas para o ilustrador, David Rubín, que foi quen de "idear unha historia paralela ao propio disco cos seus debuxos". "É máis ca un envoltorio", insisten, "é un disco bonito de escoitar, pero tamén bonito de ver".

Con cadanseu traballo diferente alén da música e complicado desafío para organizárense o traballo, e con algúns dos integrantes incluso vivindo fóra de Galiza, reivindican o galego como forma natural para contar as súas historias musicais e reflexionan que "non ter fronteiras musicais é unha boa máxima e de aí tamén a nosa variedade de ritmos". "Os temas saen como saen, mesmo en francés chapurreao coma foi o caso", cóntannos. "Queremos vender Lamatumbá, pero tamén vender Galiza. Por que imos cambiar de idioma? A festa é a festa e non entende de linguas. "A verbena é universal", sentencian.

Rematando, os autores do himno á híbrida bebida fan confesión: en darlle forma a este disco foi fundamental o licor café. Non saen da casa sen el. E para rematar, outra cousa, recomendación de licor café, "uff, moitos sitios, ponlle en Moreiras, nas Airas". Apártanse os xornalistas e chegan os seguidores buscando sinatura para os discos e pósters... ou será polo licor café de balde? Ah, non, as existencias xa se esgotaron. Haberá que destilar tamén reedición.

licor do negro café
que me tumbas que me matas
licor do negro café
fasme andar a catro patas






*******As próximas citas, confirmadas, de Lamatumbá nos escenarios:

  • Sábado 4 de marzo na Festa do Queixo, en Arzúa
  • Xoves 6 de abril, na Sala Nova Olimpia, en Vigo
  • Domingo 23 de abril, en Córdoba
  • Xoves 11 de maio, en Tarragona
  • Venres 12 de maio, en Rudarenes (Girona)
  • Sábado 13 de maio, en Barcelona
  • Sábado 1 de xullo, en Soporta (Biscaia)


Ligazóns

0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: