Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
IBARRETXE REMARCA A OPORTUNIDADE, PERO LEMBRA QUE O PROCESO DE PAZ "AÍNDA NON COMEZOU"

A prensa catalá agoira un cesamento de fogo "inminente" da ETA

Os xornais cataláns El Periódico e La Vanguardia levan hoxe ás súas portadas que o anuncio do cesamento de fogo da ETA é "inminente", e que o plan para a fin da violencia está preparado. Para a prensa catalá, só falta a "declaración solemne" da banda no sentido precisado, e entón abriríase unha mesa de negociación bilateral, con ETA e o Goberno, e outra dos partidos vascos para redefinir a situación do país. Gara sinala que Batasuna estuda "polo miúdo" o documento que o martes lle trasladou o PSE sobre a futura mesa de partidos, adiando a resposta até a semana que vén. Paralelamente, hai movementos transversais en Euscadi: nas próximas datas coñeceremos os manifestos conxuntos pola paz de parlamentarias do PNV, PSE e ex deputadas de Batasuna; de LAB e UXT, e até un terceiro das organizacións empresariais. "Hai que estar preparados para as cousas boas", di Ibarretxe.

- 13:22 16/02/2006
Tags:

Segundo La Vanguardia, o Executivo e o entorno aberzale xa definiron "perfectamente" os seus plans e cálculos para abordar, partindo do anuncio da fin da violencia, o eventual inicio dun proceso de paz. O anuncio do cesamento de fogo "será máis pronto que tarde", din.

O xornal máis vendido de Cataluña asegura que sectores da Igrexa española, "incluíndo a Ricardo Blázquez", presidente da Conferencia Episcopal, debaten o seu apoio ao proceso de paz.

O Gobierno "espera de xeito inminente un pronunciamento da banda claro e inequívoco no que prometa acatar sen interferencias os acordos que sobre o marco político de Euscadi acaden as forzas vascas", di El Periódico.

Na mesa bilateral Goberno-ETA que se abriría entón, a negociación incluiría aos militantes fuxidos, as familias e os presos. Na segunda, á marxe da anterior, os partidos vascos, incluída Batasuna ou a forza política que a suceda antes das municipais de 2007, debatiríase o novo "marco político-xurídico" para Euscadi.

El País, El Correo Español e o Diario Vasco coinciden en destacar a proliferación de comunicados de apoio na procura dun final dialogado do conflito.

Gara, que recolle as palabras do voceiro de Batasuna, Arnaldo Otegi, sinala que o obxectivo do proceso de paz é "acordar entre todos cales son as fórmulas para que os vascos decidan o seu futuro. Fraco favor lle fai ao proceso quen queira marear o peixe". Haberá resposta de Batasuna ao documento que lle trasladou o PSE, en relación cunha futura mesa de partidos, a semana que vén.

O lehendakari Ibarretxe, pola súa banda, vén de reiterar en rolda de prensa a súa mensaxe de "prudencia", anque insistiu en que a oportunidade da paz "vaise dar. Hai que estar preparados para as cousas boas". Ibarretxe lembrou tamén que o proceso de paz "aínda non comezou".


Ligazóns

0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: