Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
AFIRMA QUE GALIZA É UNHA NACIÓN AÍNDA NO CASO DE QUE O NOVO ESTATUTO NON RECOLLA ESA DEFINICIÓN

Touriño pídelle ao goberno español un 8% do seu investimento en infraestruturas durante os próximos sete anos

"Debemos comezar falando de cáles son as necesidades de gasto, de cáles son os factores de custe e de cáles son, en consecuencia, os recursos adicionais que deberán terse en conta durante a negociación". Así o defendeu este mércores o presidente da Xunta. Emilio Pérez Touriño referiuse ao respecto do debate sobre financiamento autonómico advertindo que na súa opinión "non é o máis razoábel empezar a discusión polos instrumentos financeiros, polas porcentaxes de cesión tributaria e polo deseño e cuantificación do Fondo de Suficiencia". Na súa intervención en Madrid no foro Nova Economía, pediu así partir das necesidades de cada comunidade, que no caso de Galiza, co 6.7% da poboación e o 5.1% do PIB, fixou nunha media mínima do 8% dos investimentos do goberno estatal durante os vindeiros sete anos.

- 07:01 16/02/2006
Tags:

"As necesidades de gasto cambian co tempo e hai que adaptarse a elas", indicou tamén o presidente da Xunta, referíndose tamén á necesidade da inclusión de criterios coma o do avellentamento e a dispersión poboacional que sofre Galiza. "Son factores de custo adicional que deben ser tidos en conta", lembrou o presidente da Xunta. Nese sentido, propuxo "volver a modelos financeiros revisábeis periodicamente para poder responder a novas necesidades e corrixir os desequilibrios en tempo e forma". Con esa fin agoirou que será necesario revisar o fondo de suficiencia "para que todos poidamos contar, en situacións de igualdade de esforzo fiscal, coa mesma suficiencia financeira relativa, de tal xeito que poida garantir plenamente a igualdade dos territorios na prestación de servizos aos cidadáns".

Emilio Pérez Touriño fixo repaso dos obxetivos fixados pola Axenda de Lisboa, baseados na mellora en I+D e as novas arelas a cumprir coa lei de Dependencia, lembrando ademais as eivas no ámbito do financiamento da sanidade. Nese contexto, asegurou Touriño que "co actual nivel de recursos transferidos e coas posibilidades tributarias que hoxe teñen as CCAA de réxime común, ningunha delas, nin sequera as que dispoñen de maior capacidade fiscal, estarían en disposición de responder apropiadamente a estes desafíos".

"Poñer os medios, como os recursos e as bases impoñibles, por diante dos fins, como as necesidades das persoas e a cohesión social, é situarse nunhas coordenadas que, nin nós nin outras comunidades con rendas per cápita inferiores á media estatal estaremos dispostas a asumir", insistiu Touriño no ámbito dese debate, edstacando a vontade do bipartito de defenedr un Fondo de Suficiencia que complemente a cesión de tributos de xeito que "en "ningún territorio se teña que incrementar o seu esforzo fiscal, nin nos que teñen máis capacidade fiscal, nin nos que teñen menos". No mesmo escenario, laiouse da "práctica conxelación do Fondo de Compensación Interterritorial e pediu a súa revisión urxente para "compensar a caída de fondos estruturais europeos" e facer posíbel "unha política rexional que impulse o desenvolvemento dos territorios menos avanzados".

O presidente da Xunta referiuse tamén á "identidade nacional" de Galiza, que na súa opinión "non xera divisións políticas ou sociais, senón unidade" e subliñou a definición de Galiza coma "nacionalidade histórica ao igual que Cataluña e Euskadi, pero compartindo unha realidade socioeconómica con elementos comúns a zonas menos desenvolvidas".


Ligazóns

0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: