Os niveis de autonomía financeira en Galiza son baixos, hai novos riscos e desafíos que deben ser atendidos e a nivel estatal e á hora da descentralización de tributos é necesario reforzar os mecanismos de nivelación. Nesas tres conclusións coincidiron a maioría de expertos que o pasado mes de novembro participaron nas xornadas que baixo o título "Reforma do financiamento autonómico: perspectivas desde Galiza", organizou a Fundación 10 de marzo. Miguel, A.García, Luis Caramés, Xaquín Álvarez Corbacho, Francisco Constenla e Xaquín Fernández Leiceaga asinan as intervencións principais dese foro. Este mércores presentouse un resumo organizado do que aló se falou. O coordinador do encontro, Santiago Lago Peñas, comenta que "As contas da Xunta de Galiza son moi importantes para o benestar dos galegos" afirmando que "un só dato abonda para se facer unha idea: o orzamento da Xunta equivale ao 20% de todo o que produce a economía galega nun ano".
"Por iso é tan relevante preocuparse polo uso que se lles dá a eses recursos e, dende logo, polo futuro dos instrumentos financeiros que o fornecen, nomeadamente, o sistema de financiamento autonómico", apunta Lago, indicando que é este "un futuro que estamos a discutir, por mor tanto das deficiencias detectadas nel coma pola presión que exerce o proceso de reforma estatutaria en Cataluña, que ten no Financiamento un dos seus elementos chave".
Durante a presentación do volume que recolle as intervencións do encontro o pasado mes de novembro, Emilio Crespo, da Fundación 10 de Marzo, vencellada ao sindicato CCOO, e Santiago Lago Peñas, organizador das xornadas, destacaron que os expertos que achegaron as súas reflexións neste foro coinciden na necesidade de que Galiza corrixa o seu baixo nivel de corresponsabilidade financeira e avance na recadación de tributos. Ao respecto, houbo consenso tamén na convicción de que diante da necesidade de descentralización tributaria faise necesario tamén vixiar o mantemento da "solidariedade", ou como di preferir Lago, "a nivelación", vía compensacións a través dos fondos de suficiencia, de xeito que se atenda ás situacións onde "as comunidades máis ricas van ingresar máis polo mesmo tributo ca outras máis pobres".
Asinan as intervencións principais dese foro. Xoaquín Álvarez Corbacho e Francisco Constenla do Consello de Contas, Luís Caramés Viéitez, profesor da Universidade de Santiago, Miguel Ángel García Díaz do gabinete económico de CCOO e Xoaquín Fernández Leiceaga da USC, deputado socialista. Na súa introdución aos relatorios, Lago Peñas destaca que a capacidade fiscal galega "é hoxe en día claramente inferior á media estatal e atópase lonxe de Madrid ou Cataluña: o noso PIB per cápita está por baixo do 85% da media española; o deles, por riba do 115%", reparando ao fío en que "por ben que discutamos sobre as correccións que habería que introducir nos domicilios fiscais das empresas, a vía da autosuficiencia fiscal, que cadaquén achante co seu, vainos claramente peor a nós do que a eles".
Emilio Crespo e Santiago Lago tamén coinciden en avaliar que o recente cambio de goberno en Galiza influirá positivamente no proceso de debate do modelo de financiamento que lle convén a Galiza. Afirmando estaren seguros de que o diálogo ao respecto é en Galiza "máis rico e plural ca noutras partes do Estado", gaban postitivamente a vontade de falar dos diversos grupos parlamentarios e consideran unha vantaxe que este debate se vaia facer de xeito paralelo ao propio debate da reforma estatutaria.
Por outro lado, a Fundación prepara outro encontro para o próximo día 1 de marzo coa reforma do estatuto de autonomía coma centro do debate. Desta volta, os conferenciantes serán Xosé Luís Barreiro Rivas, Ramón Maiz, Anxo Guerreiro, Carlos Aymerich e Roberto Blanco Valdés.