Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
MÚSICA CON RAÍZ

Goran Brégovich inaugura o ciclo Sons da Diversidade 2006

O músico serbio, coñecido internacionalmente dende que incorporou a súa mestura de músicas balcánicas aos filmes de Émir Custúritsa, protagoniza o primeiro concerto da nova edición de Sons da Diversidade; e xa van tres. Ao carón del, van formar parte desta primeira quenda de Sons 2006: o cubano Pablo Milanés, o son da cora da man de Toumani Diabaté, as percusións brasileiras con Naná Vasconcelos e o 'cóctel' musical de Ugia Pedreira e a súa banda, Marful.

- 13:36 16/02/2006
Tags:

O primeiro concerto está programado para o día 19 de febreiro.Goran Brégovich achega, por primeira vez a Galiza, o seu espectáculo Karmen cun final feliz, unha obra que o propio autor definiu como "ópera para pobres" na que o público poderá vivir 'in situ' a mestura que Brégovich é quen de facer entre a música de cámara e o son de raíces zíngaras. Un espectáculo que ademais, polo contido dos seus textos, non ten recomendada a entrada a persoas menores de 16 anos se non van acompañadas dunha persoa adulta.

Á Karmen de Brégovich séguelle o 5 marzo o son cubano do trobador Pablo Milanés. Logo de tantas décadas de traxectoria musical volve a Compostela para presentar Como un campo de millo, no que xunto a temas novos o compositor incorpora un poema de Pablo Neruda. O 28 de abril chegan dende Malí, na África Occidental, Toumani Diabaté e a Symmetric Orchestra; un virtuoso da cora e doutros instrumentos tradicionais africanos que optou pola renovación da súa música tradicional fuxindo do son tecnolóxico, centrándose en cada momento nunha renovación acústica, tal e como se amosa a través do seu último disco: Boulevard de l'Indépendance.

O peche desta primeira quenda de Sons corre a cargo do percusionista brasileiro Naná Vasconcelos, que actúa no Auditorio o día 13 de maio; e dos galegos Marful, o 16 de xuño, que atraen os ritmos das décadas dos anos 30, 40 e 50 e a súa diferente representación no urbán e no rural. A voz de Ugia Pedreira e o bo facer de Pedro Pascual, Pablo Alonso e Marcos Teira achegan o público por unha mestura de ritmos coma o twist, as habaneras ou o tango, que chegaron a Galiza cos indianos.

Coma sempre ás 21:00 horas no Auditorio de Galicia. Coma todos os anos as entradas poden mercarse a través da web de Caixa Galicia, do teléfono 902 434 443 ou directamente no posto de venda do Auditorio ata media hora antes do concerto.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: