Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
UN INFORME DE VICEPRESIDENCIA ADVIRTE DO DÉFICE DE INVESTIMENTOS EN GALIZA

Piden que o Estado invista en Galiza en proxectos de "cohesión" tanto como o destinado ao porto coruñés

O nivel de renda por habitante debe ser "patrón fundamental" para a distribución dos fondos europeos de cohesión, segundo xustifica o informe asinado pola Vicepresidencia do goberno galego que, logo de pasar polo último Consello da Xunta, foille enviado xa ao goberno español. De xeito específico a análise reparou na elevada cantidade aprobada para o porto exterior da Coruña e na necesidade de que o Estado asuma "un compromiso de investimento por importe similar" que se destine "a infraestruturas que contribúan dun mellor modo á cohesión económica e social do territorio". O estudo avala ademais a petición dunha maior participación das comunidades autónomas na xestión dos fondos e a participación na definición concreta dos proxectos que o Estado lle presente á Comisión Europea.

- 10:07 14/02/2006
Tags:

A análise promovida pola Vicepresidencia da Xunta conclúe en comparanza do acontecido nos novos peiraos coruñeses cos investimentos realizados por outras Autoridades Portuarias do Estado onde o financiamento non tirou cartos de operacións inmobiliarias asociadas, que a parte non cuberta por esas operacións "debería ser asumida polo Estado ben directamente ou ben, acudindo a outros instrumentos financeiros o servizo dos cales atenderían os ingresos que xere o futuro porto". Así, e segundo propón o informe "liberaríase un volume de recursos similar ao importe do fondo de cohesión que se vai destinar a este proxecto".

O informe dá conta das diverxencias que amosa a comparación da distribución dos investimentos realizados dunha banda a través do fondo de cohesión e doutra vía fondos estruturais. Así, Galiza recibiu no período 2000-2006 un total de 5.407 millóns de euros desta última partida, un 12.15% do total, o que amosa unha cifra de investimento de 1.975 euros por habitante, uns 300 euros por riba da media das comunidades obxetivo 1. nese sentido, se os mesmos criterios fosen aplicados no caso dos fondos de cohesión, Galiza debera ter chegado nese mesmo treito temporal aos 1.450 millóns de euros, 600 por riba dos que recibiu.

Á beira, na altura de 2004, as cantidades deste fondo xestionadas pola Xunta de Galiza non chegaron aos 125 millóns de euros, que á luz dos 1.910 millóns que xestionaron todas as comunidades autónomas, indican que a participación de Galiza nestes fondos adicados á redución das diferencias de desenvolvemento entre os diversos territorios da Unión Europea quedou no 6.56%, non máis aló do seu peso relativo na poboación. O debullar dos datos lévalle a Vicepresidencia a argumentar tamén a necesidade da inclusión doutras variábeis, alén das cifras de poboación, "para a mellor distribución" dos fondos de cohesión. Nese escenario e polo propio sentido co que foi creado debera privilexiarse "o nivel de desenvolvemento" onde se atopa a comunidade á hora de priorizar o investimento. "Debe ser a variable nivel de renda per capita o patrón fundamental para a distribución da axuda", salientan. E por outro lado e "na medida en que co fondo fináncianse proxectos de infraestruturas, hai que ter en conta que o custo de acometer os proxectos varía en función das características do territorio no que se executen", indican.

Desde a Xunta lembran que deica finais de 2004, o executivo estatal non levara a cabo no ámbito dos transportes ningún proxecto en Galiza con cargo aos fondos de cohesión e advirten que no conxunto do estado e nesa altura, o goberno español investira nese eixo un total de 5.714 millóns de euros, o 75% destinado a infraestruturas ferroviarias. Por iso, desde Vicepresidencia subliñan a necesidade de compensacións con Galiza con investimentos para "acelerar as conexións ferroviarias de alta velocidade coa meseta, con Portugal e co Cantábrico". Para garantir que iso se cumpra propoñen crear unha comisión bilateral que defina de xeito concreto os proxectos a financiar. No mesmo sentido, insisten na participación activa do goberno galego "na programación e definición da carteira de todos os proxectos que lle presente ao Estado a Comisión Europea para o seu financiamento con cargo ao fondo de cohesión".


Ligazóns

0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: