Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
OS 'SUCESOS' URBANÍSTICOS DO VAL MIÑOR (II)

Monteferro, o "derradeiro bosque" onda o mar

Monteferro, unha caste de península de 85 hectáreas na parroquia de Panxón (Nigrán), é o "derradeiro bosque" onda o mar que queda na área metropolitana de Vigo, como lembra a plataforma Salvemos Monteferro. Fala Pepe, que non quere aparecer con nomes e apelidos. O coche do voceiro do BNG en Nigrán, David Giráldez, ardeu o 19 de novembro de 2005. Giráldez é consciente de que estaba "tocando os collóns". O conflito de Monteferro, ao primeiro focalizado na tala e posíbel recalificación da finca d´O Rapón, duns 20.000 m2, segue pendente de aclaración urbanística.

- 13:49 14/02/2006
Tags:

O 19 de novembro de 2005, "un sábado ás 23.30, nunha zona moi transitada", queimaron o coche de David Giráldez, concelleiro do BNG en Nigrán desde 1993. A policía científica atopou trapos e estopa en bolsas de plástico, debaixo do tanque de gasolina, enchoupados de líquido inflamabel. Dentro había restos dun pequeno explosivo refractario de uso pirotécnico.

"Todo isto prodúcese nun contexto no que ti sabes que estás tocando os collóns", di Giráldez, que segue recibindo mensaxes anónimas. O alcalde tardou tres días en chamalo. No último pleno, Giráldez esixira unha copia dun proxecto de expropiación en fase de exposición pública. Unha semana antes do atentado criticou a "posíbel recalificación" dos terreos d´O Rapón.

As ameazas e as malleiras afectaron tamén no seu momento ao anterior rexedor, Manuel Rial (PSOE), e ao ex presidente da Comunidade de Montes, Xesús Castro. O antigo rexedor recibiu en 2003 unha carta anónima coa fotografía dunha pistola e unha adicatoria no reverso.

En 2003, o ex responsábel dos comuneiros levou unha malleira excesiva. "Menos mal que fixen o morto aquel día, senón non estaría aquí para contalo", sinala. En febreiro de 2005 estoupoulle o buzón ao primeiro tenente de alcalde, Antonio Fernández. Non houbo danos persoais.

Para o anterior rexedor de Nigrán, Manuel Rial (PsdeG), "é sospeitoso que lle arda o coche a un concelleiro que anunciara o seu temor á recalificación dunha finca en Monteferro. Pero aínda non hai probas dunha relación directa".

Quizais a frase que mellor simboliza o que é a presión urbanística en Nigrán adicoulla o alcalde e xerente do Celta, Alfredo Rodríguez, a David Giráldez, falando da oportunidade dun parque empresarial. Está rexistrada: "Non sei se estará vostede aquí dentro de 15 anos, porque ao mellor acaba bourado polas circunstancias".

Segundo o alcalde, "cando as cousas se esaxeran, esaxéranse. Este concelleiro intentou ir por un camiño que... eu nun momento puntual díxenlle se é que quería que nos bourasen a todos". Rodríguez afirma que cando o BNG fala de "mafia urbanística" está a fiar "cuestións que non teñen sentido. O feito incontestábel é que ardeu un vehículo, así que debe traballar a policía. Nigrán é un dos concellos con maior potencial urbanístico de Galicia".

Tanto, que o propio alcalde escusou a recente polémica sobre a marbellización de Galiza afirmando que a edificabilidade en Nigrán aumentaría nun 83% co novo PXOM, documento "que non viu ningún especulador".

Os límites

Monteferro é solo urbanizable cara ao interior –un ismo peninsular- e antigo solo forestal de Panxón, en forma de monte en mancomún, pola banda do mar. O entorno destas últimas 40 hectáreas de derradeiro bosque onda o mar é o que está en xogo agora. A ameaza, a posíbel recalificación dos 20.000 m2 da finca d´O Rapón, pegada á banda do mar pero no interior, no novo PXOM de Nigrán, aínda pendente do informe previo de Política Territorial para a súa aprobación inicial. Sería o primeiro paso cara á urbanización de Monteferro.

"Confirmouse que os terreos d´O Rapón aparecen recalificados no novo PXOM", di David Giráldez. O voceiro do BNG recorre ás súas fontes, pois o borrador do Plano Xeral non foi posto en coñecemento da oposición –a Lei do Solo non obriga- antes de ser remitido por primeira vez á Consellería.

O concelleiro de Urbanismo de Nigrán (5 PP, 5 Partido Independentes de Nigrán, 5 PSOE e 2 BNG) pertence ao PINN, pero o PINN descoñece o contido do plan que regulará o desenvolvemento urbanístico de Nigrán durante os vindeiros 15 anos, según asegura o seu voceiro, Avelino Fernández.

Rial (PsdeG) remarca que a posíbel reconversión urbanística d´O Rapón podería ter obviado algúns problemas técnicos, pois os límites da parcela inclúense nas normas subsidiarias "como ordenamento 17, é dicir, solo rústico de interese forestal e paisaxística especialmente protexido".

O proceso semella o usual: a finca en cuestión foi vendida recentemente e despois obxecto dunha "corta bestial" que foi posta en coñecemento de Medio Rural, que abriu un expediente administrativo. A consellaría explicita que a autorizou o anterior departamento, pero que as tres cortas d´O Rapón se fixeron "cos papeis en regra".

O alcalde anóxase cando se lle fala de recalificación: "¿Como pode dicir alguén unha cousa así, se só o sabe a Xunta? O documento téñoo eu, pechado na miña caixa forte. Cando nos chegue de volta da Xunta, xa se poñerá en coñecemento dos grupos políticos".

A tala xa se estendeu á zona d´A Serra, no norte de Monteferro, en zona calificada como "sitio costeiro sobresaínte de singular interese forestal e paisaxístico". Según o actual presidente da Comunidade de Montes, Manuel Alejos, "cómpre pelar o monte porque a madeira está podre". Alejos asegura que teñen licenza de Costas e de Montes. A Dirección Xeral de Montes abriu unha investigación ao respecto.

Augas e hoteis

"O que se tala é competencia da Comunidade de Montes", sinala Pepe, de Salvemos Monteferro, "pero a finca en cuestión, anque é privada, está en zona forestal. Esa finca en concreto será obxecto de especulación urbanística". Salvemos Monteferro comezou a recoller sinaturas hai dúas semanas "ante o sentimento xeralizado de que están a facer unha animalada".

A Alejos, o mesmo que dixo que os atentados de Nigrán e Gondomar son produto "das liortas políticas", ténselle escapado nalgunha reunión a idea de construír un hotel en Monteferro.

As obras do entorno de Monteferro lévaas ao cabo a Deputación de Pontevedra. O 23 de setembro de 2005 foron adxudicadas a Construcciones Taboada y Ramos S.L. por 297.604 euros. Da financiación encárgase a Deputación e o concello de Nigrán, que inclúe nos orzamentos do ano pasado unha partida de 115.143 euros para esta obra, a financiar mediante a contratación dun préstamo cunha entidade bancaria.

As trazas da obra non permiten descartar a iluminación de Alejos. Trátase de ensanchar o vial existente, de competencia da Deputación, até unha rotonda como a do Alcampo de Vigo, e de aí até o cumio de Monteferro.

É dicir, una rotonda de 40 metros de diámetro, viais de 10 metros de ancho e dous carrís nun só sentido, carril-bici e traída de augas nunha zona forestal despoboada. A "urbanización" máis cercana, en palabras dos membros de Salvemos Monteferro, "son catro casas con farolas alumeando todo o tempo".

Contestación

Salvemos Monteferro recibiu máis de 4.000 visitas en tres semanas. O colectivo leva quince días recollendo sinaturas; calquera pode apuntarse imprimindo a carta que inclúen na súa web, e enviando as rúbricas ao apartado de correos 30 de Gondomar.

A resposta cívica, evidentemente, é plural. As pintadas que lixan a sé social da comunidade de montes -Viva a especulación, Salvemos Monteferro- xa foron denunciadas polo presidente, Manuel Alejos, que as considera "insultantes". Pero as pintadas están xa por toda a vila.

"Eu non son moi optimista", di Pepe, da plataforma. Para David Giráldez, pendente aínda dos resultados -até agora nulos- da investigación policial para "rematar coa impunidade", é hora de que a Xunta analice polo miúdo os máis de 60 planos xerais que se están cursando. O de Nigrán entre eles. "Se falamos de marbellización, que empecen por aquí", sinala.


Ligazóns

0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: