O conselleiro de Innovación e Industria, Fernando Blanco, lamentou hoxe que un Goberno en funcións adxudicase a Hidroeléctrica de Arnoia, a empresa controlada pola esposa e os fillos de Francisco Vázquez, a instalación dun parque eólico na provincia de Lugo. Preguntado polo alcance das informacións divulgadas polo diario La Opinión, Blanco afirmou que o PPdeG "tivo tempo para tomar estas decisións antes de xullo".
"Paréceme negativo que despois das eleccións, e cun goberno interino en funcións, se tomen decisións que afectan ao futuro", dixo Blanco ao ser preguntado pola información que hoxe publica La Opinión, que lembra que o proxecto foi aprobado no penúltimo Consello da Xunta do Goberno en funcións de Fraga Iribarne.
O xornal coruñés destaca que é socio da empresa adxudicataria o irmán político do entón director xeral de Industria, Ramón Ordás, encargado de supervisar os proxectos eólicos e hidroeléctricos outorgados pola Xunta.
O titular de Industria dixo que o PPdeG, durante dezaseis anos na Xunta, "tivo tempo para tomar estas decisións antes de xullo de 2005".