Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
MÁIS DE MIL AXENTES FORESTAIS COMEZARON HOXE A LIMPAR OS MONTES DE GALIZA

Medio Rural buscará "a colaboración da sociedade civil" na loita contra os incendios

613 traballadores fixos discontinuos, entre técnicos, condutores, emisoristas ou axentes forestais, sumáronse hoxe ás 82 gavillas fixas da Dirección Xeral de Montes. É dicir, 1.450 persoas incorporáronse esta mañá aos traballos de limpeza e desbroce dos montes de Galiza, no comezo da campaña de prevención dos incendios forestais que Medio Rural quere estender até novembro. O director xeral de Montes, Alberte Blanco, remarcou a importancia da "concienciación social" para rematar coa vaga, e anunciou novas fórmulas de colaboración cos concellos, as comunidades de montes, as empresas e as explotacións agrogandeiras.

- 17:20 13/02/2006
Tags:

"Todo o volume de persoal propio da Consellaría estará dispoñíbel nos vindeiros nove meses para labores de prevención, aínda que durante o verán terán que adicarse fundamentalmente á extinción", sinalou Blanco, quen avanzou que, se a campaña dá bos resultados, poderíase ampliar a relación laboral dos 613 traballadores fixos discontinuos.

Os traballos que hoxe comezan céntranse sobre todos nos desbroces, limpeza de accesos das marxes dos ríos e dos depósitos de auga ou creación de cortalumes. En principio, a actividade hase coordinar según os plans de prevención deseñados nos 19 distritos forestais galegos -con prioridade para as 300.000 hectáreas de montes de xestión pública-, pero a Consellaría prevé aprobar este mes un decreto sobre masas forestais en áreas agrarias, que incluirá un plan máis específico para os 120 concellos galegos con maior risco de incendios.

Ademais da campaña de prevención -unha novidade de seu-, Blanco adiantou que haberá "melloras tecnolóxicas" na dotación das brigadas de investigación forestal, que se poderán beneficiar da posta en marcha dun plan especial de vixilancia a cargo de axentes forestais.

Concellos e implicación social

Blanco aludiu tamén ao acordo marco que lle trasladou Medio Rural á Fegamp, que inclúe a sinatura de convenios específicos para plans de limpeza e desbroce dos montes ou para a adquisición de maquinaria. A Dirección Xeral comprometeuse tamén a ofertar, este ano, un curso gratuíto de formación para todos os membros das gavillas.

Outra das novidades supón un cambio de rexistro: se até agora os medios técnicos e humanos das comunidades de montes estaban á disposición da Xunta, a súa autonomía aumentará. A intención da Dirección Xeral "é que se centren no seu propio terreo, dado que o coñecen perfectamente, e que só se recorra a este dispositivo en caso de emerxencia".

A Consellaría prevé que esta colaboración cos comuneiros permita incorporar 50 gavillas máis aos traballos de prevención, vixilancia e extinción de incendios.

O chamamento á "implicación social" da Consellaría inclúe tamén ás explotacións agrogandeiras, ás industrias que prestan servicios forestais e aos propios cidadáns. "A idea é contar con todos os activos e colectivos que coñecen con maior detalle o medio rural e forestal para dobrar esforzos na loita contra o lume e as súas causas", dixo Blanco.

As promesas orzamentarias

Blanco lembrou que o orzamento consignado en 2006 para prevención e extinción é de 70 millóns de euros. E aproveitou para facer un chamamento ao Goberno central para que materialice o compromiso de Zapatero na súa visita ás áreas queimadas de Monterrei, o verán pasado. Neste momento só hai proxectos en execución, cun investimento de 1,5 millóns de euros, nos concellos de Verín, Pazos de Borbén, Laza, Ponteareas e Mos.

"Se o Ministerio de Medio Ambiente non comunica nestes intres o investimento do que vai dispoñer Galiza para prevención, será imposíbel levar as promesas á práctica, xa que despois entraremos na campaña do verán", dixo.


Ligazóns

0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: