Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
O PORTAVOZ DO GRUPO VASCO NO CONGRESO, JOSU ERKOREKA, DI QUE O PNV "NON PRESIONARÁ" AO GOBERNO

O PNV pide "prudencia" ante as declaracións de Zapatero sobre o "principio da fin" de ETA

O presidente do PNV, Josu Jon Imaz, vén de manifestar, ante as declaracións gobernamentais sobre o "principio da fin" de ETA, que o momento actual é "o da prudencia, non o da especulación". E á prudencia engádelle Imaz a necesidade de "convicción, responsabilidade e discreción". O 30 de maio de 2003, un comando da banda terrorista matou dous policías nacionais na vila navarra de Sangüesa. É o último atentado con vítimas mortais até agora. "Estamos convencidos de que hai que aproveitar esta oportunidade", dixo Imaz, quen falou tamén de "nubes no horizonte".

- 18:51 13/02/2006
Tags:

Pola súa parte, o voceiro do PNV no Congreso, Josu Erkoreka, afirmou que o PNV "non presionará" ao Goberno para que informe sobre o proceso de paz, coa fin de este "dea froitos". "A cociña do proceso debe ser a zona máis discreta e recollida", dixo.

Erkoreka responde así ás pretensións de CIU de que o Executivo "comparta a información" sobre o proceso de paz en Euscadi co resto dos grupos parlamentares, según informa Europa Press. Erkoreka dixo máis: "Respaldaremos o que Zapatero acorde con ETA no ámbito do proceso de paz, e non lle pediremos ningunha explicación".

Pola súa banda, o secretario xeral do PP vasco, Carmelo Barrio, asegurou hoxe que "é o Goberno de España e o PSOE quen xa deron unha tregua á ETA". Para Barrio, as declaracións dalgúns membros do PSE acusando ao PP vasco de "obstaculizar" a paz en Euscadi, son produto da "miopía política".

Segundo o responsábel dos populares vascos, este PSE "da diarrea verbal resulta descoñecido; pasou de defender a alternativa e a Constitución a apoiar os orzamentos do PNV e defender unha Mesa de Partidos con Batasuna presente".

As palabras de Barrio concordan co ton expresado pola dirixente popular Ana Pastor, quen acusou ao Goberno de "non estar coas vítimas". O presidente do Senado, Javier Rojo, outrora rexo opositor ao "diálogo cos terroristas", chamou esta mañá "irresponsábel" a Pastor, e atribuíu as súas declaracións a un "descoñecemento de Euscadi brutal", según informa Efe.

Desde outra xeira, o presidente de Eusko Alkartasuna en Guipúzcoa, Iñaki Galdós, afirmou que o posíbel anuncio dunha tregua "moverá moitas pezas no complicado taboleiro da política vasca. É un dato obxectivo".

Galdós falou tamén de "novos escenarios de gobernabilidade", e recoñeceu "tentacións" no PNV e no PSE para recompoñer a política vasca desde un bipartito PNV-PSE, "anque nestes momentos non o vexo, sinceramente".

No complicado taboleiro da política vasca tamén se están a desenferruxar outras pezas. O secretario xeral de UGT-Euscadi, Dámaso Casado, dixo hoxe que "normalizar" a súa relación con LAB pode "axudar a que a normalización en Euscadi sexa realidade a curto prazo".

A xuízo da Mesa polo Acordo, que compareceu hoxe en Donosti, hai "pasos e valoracións que axudan" ao proceso de paz en Euscadi, "tanto por parte de ETA como por parte do Goberno", segundo recolle Gara.

O macroxuízo, mañá

A Audiencia Nacional volveu suspender hoxe, por cuarta vez desde o 9 de xaneiro, o xuízo contra o suposto entorno de ETA, debido a que Arantxa Zulueta, a avogada do principal acusado, Xabier Alegría, e o imputado Mikel Gotzon Egibar, "están enfermos".

O xuízo polo macrosumario 18/98 reanudarase hoxe, despois dunha suspensión de dúas semanas a petición da defensa, ante a imposibilidade de estudiar os preto de 100.000 folios das dilixencias, ás que non tiveron acceso até decembro.

Pluralidade das vítimas

A presidenta da Fundación de Vítimas do Terrorismo, Maite Pagazaurtundua, dixo hoxe que a non asistencia do presidente do Goberno ao III Congreso de Vítimas do Terrorismo, que comeza hoxe en Valencia, "non supón ningún problema, terá unha axenda moi difícil".

Outros representantes das vítimas defenderán hoxe que non se concedan amnistías aos presos, aínda no posíbel marco dunha negociación. Entre eles, o presidente do Foro de Ermua, Mikel Buesa, quen asegurou que as amnistías en España "nunca serviron para nada; houbo máis crimes terroristas despois da amnistía de 1977 ca antes". O presidente da AVT, Francisco José Alcaraz, dixo que a súa agrupación intentará que o Goberno "non ceda ao chantaxe de ningunha banda terrorista".


Ligazóns

0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: