Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
UN ESTUDO DE VICEPRESIDENCIA SUBLIÑA A QUEIXA POLOS CRITERIOS DO GOBERNO ESPAÑOL

Galiza recibiu unha media dun 35% menos de axudas do fondo de cohesión có resto do Estado

Desde o ano 2000, o conxunto do Estado xestionou arredor de 12.357 millóns de euros procedentes dos Fondos de Cohesión da Unión Europea. Nese período e segundo os criterios aplicados polo goberno español, a media de investimento por vía dese fondo quedou en Galiza nos 95.9 euros por habitante, lonxe dos 149 da media estatal. Segundo un informe de Vicepresidencia, de térense aplicado principios "máis redistributivos" a Galiza corresponderíanlle até 600 millóns de euros máis.

- 10:22 13/02/2006
Tags:

De aplicárense na distribución dos fondos de coheión uns criterios similares aos que guían o investimento dos fondos estruturais, Galiza debera recibir no período 2000-2006 arredor de 600 millóns de euros máis dos que o Estado lle destinou. O défice na aplicación de normas redistributivas por parte do goberno español explica que nese treito, comunidades máis ricas ca Galiza se viran máis beneficiadas deses fondos, segundo recolle un informe da Vicepresidencia de Igualdade e do Benestar, revelado este domingo por Europa Press e que foi presentado no último Consello da Xunta. Desde o goberno galego confirman que xa lle foi enviado ao ministerio de Administracións Públicas.

O estudo subliña a necesidade de atender a esa situación fronte á reforma orzamentaria que reducirá o acceso do Estado a eses fondos. Lembran desde a Xunta que de aplicárense as valoracións que rexen o reparto dos fondos estruturais, dos que Galiza participa nun 12.15% da media estatal, a nosa comunidade debería completar o investimento de 1.480 millóns de euros ata 2006.

A distorsión estatística do porto exterior
O Fondo de Cohesión foi establecido para o financiamento de ata o 85% dos gastos subvencionábeis de grandes proxectos do ámbito medioambiental ou de infraestruturas de transporte, e a análise realizada pola Xunta repara en que deica 2004 o goberno español non tirara destes fondos europeos para a realización de ningunha infraestrutura de transportes nova en Galiza. O estudo recoñece que o investimento de 257 millóns de euros aprobado en 2005 con destino ás obras do porto exterior da Coruña, elevarán o total dos fondos recibidos no período 2000-2006 a preto dos 800 millóns.

Porén, a circunstancia de que esa obra vaia supoñer arredor do 30% do total de investimento deste fondo en Galiza, debe considerarse segundo Vicepresidencia á beira da operación inmobiliaria vencellada aos vellos peiraos coruñeses, que financiarán boa parte da obra. Desde o departamento liderado por Anxo Quintana, lembran que este modelo de financiamento non foi aplicado nos proxectos doutras autoridades portuarias estatais, e insisten en que esa cota debera ser cuberta polo Estado.

Desde Vicepresidencia piden a priorización de investimentos que contribúan en maior medida á cohesión económica e social galega, obxetivo último deses fondos. Lembrámoslles que ao respecto, o informe oficial da Unión Europea precisaba que o maior impacto económico do porto exterior vaise producir durante os seis anos da súa construción, período no que se lle dará traballo a un milleiro de persoas. Así, os novos peiraos coruñeses só crearán 75 empregos directos e uns 25 indirectos, o que queda lonxe dos dous milleiros de postos que prognosticara o estudo asinado polo ex presidente da Autoridade Portuaria, Guillermo Grandío.


Ligazóns

0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: