A CIG escolleu o día de hoxe, 14 de febreiro, por coincidir co debate da Bolkestein no Parlamento Europeo, onde se reunirán manifestantes de todo o continente. A CIG fala das "contradicións" de UXT e CCOO, que ao primeiro apoiaron a a Constitución Europea "e agora manifestan a súa posición contraria á aprobación tanto da Directiva Bolkestein como da Directiva de Ordenación do Tempo de Traballo". O secretario xeral, Suso Seixo, criticou "a ocultación dos gobernos da UE, e nomeadamente o español, das graves repercusións que terá a súa aplicación, de seren aprobadas".
"Cultura, educación, sanidade e todos os servizos dependentes dos sistemas estatais de protección social poderían estar condicionados ás mesmas formas de competencia económica cás mercadorías".
Esta era unha das teses centrais da primeira gran manifestación da Confederación Europea de Sindicatos, o 19 de marzo de 2005, contra a Directiva Bolkestein, iniciativa do anterior comisario europeo Fritz Bolkestein sobre a libre circulación de servizos nos países da UE, tamén rexeitada polo Consello Económico e Social Europeo. A contestación desde entón foi continuada.
A CIG sinala que, coa Bolkestein e coa Directiva Europea de Ordenación do Tempo de Traballo, do que se está falando é de "facer desaparecer as conquistas acadadas noutro tempo e crear outras regulamentacións que favorezan exclusivamente ao capital privado".
"Unha empresa de Grecia, Portugal ou Lituania, con condicións laborais e salarios inferiores aos nosos, podería instalarse en Galiza [...] A trampa é que calquera gran empresa das nosas pode rexistrar unha filial con domicilio social nalgún destes países e logo instalarse aquí", di a CIG, que tamén desenvolveu unha campaña nas empresas para explicar as repercusións destas dúas normativas.
Fermín Paz, do Gabinete Técnico, remarcou "a contradición que supón dicir que é inconstitucional defender a soberanía para defendermos nós mesmos os nosos sectores produtivos, por exemplo, e que ninguén denuncie a inconstitucionalidade destas directivas, unha clara transferencia de poder á UE para mudar a nosa lexislación".