A cidade da Coruña amenceu hoxe un pouco incrédula pola noticia da marcha de Paco Vázquez. Moitos din que miraron o calendario a ver se non era o día dos inocentes, e algúns até que escoitaron as palabras do alcalde na radio e na televisión non o quixeron crer. Moitos din quitar unha lousa de enriba e outros aínda botarán algunha bágoa, pero o certo é que na cidade herculina non se fala doutra cousa. Cascarilleiros ilustres como Paco Lodeiro, Arsenio Iglesias, Yolanda Castaño, Pancho Casal, Xurxo Souto, Xosé Ramón Gayoso ou a xente do Centro Social A Treu contaron para Vieiros as súas primeiras impresións.
Paco Lodeiro, alter ego radiofónico de Paco Vázquez: "Profesionalmente para min, despois de 15 anos dialogando con Fraga é un reto saber que vai pasar cando dialogue con Bieito XVI. Ante iso ábrenseme tres incógnitas: aprenderá coruño Bieito XVI? Conseguirá así A Coruña un novo arcebispado? Ou tal vez un novo papado?"
Arsenio Iglesias, entrenador de fútbol arteixán: "É unha grande pena que marche; eu creo que para Coruña será un gran baleiro, pero se é o que el elixiu, bendito sexa Deus".
Yolanda Castaño, poeta e coruñesa da Gaiteira: "Amólame que o feito de que se vaia producir esta marcha despois de tantos anos gobernando na cidade veña condicionada por un factor externo, e non polos electores". A escritora valora o mandato de Vázquez como representativo dun "espíritu coruñés -de paso, o secreto do seu éxito-, de fixarse moito no aspecto externo: lucir os abrigos nos Cantóns e logo na casa beber a cascarilla do café".
Pancho Casal, produtor de cinema e coruñés de Monte Alto, manifesta "alegría" pola renovación: "son partidario de que ningún mandato durase máis de 8 anos, pois á vista está o desgaste incluso entre a xente que era partidaria de Paco Vázquez", até chegar a "termos ridículos como o de quitar a vixilancia policial dos colexios e poñela para coidar a bandeira española do Orzán". Casal ve no cambio de destino do alcalde "unha boa maneira de saír", tendo en conta que perdera moito apoio para as vindeiras municipais, e tamén se mostra confiado en que se abra o camiño a unha nova vida política.
Xurxo Souto, escritor, director de programas da RG e coruñés de Monte Alto: "Paréceme mal que un cargo público marche así sen esgotar a lexislatura. Por outro lado nunca compartín políticamente con Paco Vázquez nin actitudes nin formas. Nese sentido consideróo un político fracasado, porque en lugar de cumprir as funcións do Axuntamento, que son axuntar o pobo, fixo o posíbel por dividir a xente co seu discurso de 'ou comigo ou contra min'. Espero que a partir de agora o Concello sexa realmente a casa de todos e que se poida erradicar esa visión tan pequena da Coruña que fomentaba Vázquez. Por exemplo, a idea de que é unha cidade monolingue cando en realidade é a que máis galego falantes ten en termos absolutos.
Xosé Ramón Gayoso, coruñés da rúa Panadeiras, aínda está sorprendido pola noticia. Considera a Paco Vázquez "un animal político, parece que naceu para isto", e supón que na Coruña "quedou un certo desacougo", se ben entende que a política é unha cousa de equipo e confía en que Losada fará un labor continuísta malia o "personalismo" do actual alcalde. Gayoso tamén destaca o carácter "europeísta" de Vázquez, que o levou "á Santa Sede sen pasar por Madrid". De todos xeitos conclúe: "Se el está contento todos estamos felices".
Antón Dias, d'Os tres trebóns e O Vendaval do Rosal, membros do CS Atreu e do colectivo Os mil fillos de Pita, móstranse contentos pero tamén escépticos co relevo en María Pita por parte de Javier Losada, a quen consideran "máis perigoso", pois era "o brazo executor" do Vázquez. Están convencidos de que o alcalde saínte "non vai deixar de mover os fíos da Coruña" dende o Vaticano, aínda que se alegran con sorna de que Paco Vázquez "coñeza o que é a emigración". Con todo, dende o colectivo que organizou a marcha "Umha, grande e rachí" pretenden facer "unha gran festa de despedida", aínda sen data.