O traballo de investigación de La Opinión de A Coruña está no cerne da marcha de Vázquez cara ao Vaticano. O que fora alcalde da Coruña durante 23 anos non dixo ren ante informacións que implicaban directamente á súa familia en negocios "sequera non explicados", en palabras do xefe de Local do diario coruñés, José Luis Álvarez. As presións do PSOE de Madrid e a mala reubicación dun Vázquez que vía lonxe reeditar a maioría absoluta en 2007, fixeron o resto. "Ninguén abandona na metade dun mandato, e Vázquez sabe até onde podemos chegar", di.
Vieiros: Que un presidente dos empresarios rexistre unha sociedade ao seu nome e a bautice cos apelidos da muller do alcalde e do alcalde mesmo si que é "compatibilizar con transparencia a actividade pública e a inmobiliaria", por dicilo coas palabras de Vázquez, non?
José Luis Álvarez: Que unha persoa como Fontenla rexistre ao seu nome unha empresa cos apelidos da familia do alcalde, e logo a empresa pase a estar ao nome da familia do alcalde... aí só caben dúas explicacións: ou Fontenla está namorado do alcalde e crea unha empresa para si mesmo co nome do alcalde, ou creouna por encargo do alcalde. No plan créame esta empresa, que eu non quero aparecer, deixámola durmida uns aniños e logo traspásasma. Xa veremos nas vindeiras semanas se o caso de Iglesvaz é único ou hai casos semellantes...
Pódese dicir que La Opinión derrubou a Vázquez?
Non é casualidade, senón causalidade... eu creo que o alcalde non tomou esta decisión agora mesmo. Isto está provocado non polo que xa publicamos, senón polo que podemos seguir publicando...
Ata que punto?
Todo isto vén de hai un ano, co tema da casa de Vázquez... o traballo foi longo e os froitos tamén o han ser. Non é que o esteamos dosificando, pero é tal o batoallo... Vázquez está casado en rexime de gananciais coa súa muller, e son tantas as relacións mercantís con outras tantas empresas e persoas coñecidas... Moita xente vai ver con claridade quen son os socios do alcalde da Coruña. Vázquez é moi listo; se chegamos até aquí, el sabe até onde podemos chegar.
Paga Vázquez os favores do PPdeG?
Eu insisto en que imos publicar máis cousas nos próximos días e semanas. Informacións que aclararán moitas cousas, pero non podo dicir se vai ser nun ou noutro sentido, nin a quen afectarán...
Na reunión entre Vázquez e Zapatero, o 17 de xaneiro, non só se falou do Vaticano, non?
Eu creo que o nomeamento de Vázquez para marchar alá tomouse estes días, non en xaneiro... concretamente o martes da semana pasada. Só hai que pensar cando ficou vacante o posto de embaixador de España ante a Santa Sé. É sabido que Jorge Dezcallar, o que era embaixador, fora director do CNI co Goberno Aznar, e que tras a chegada de Zapatero acabou en Roma. Non é ningún premio; o tema é que Dezcallar quere regresar a España por un tema persoal. Así é como ficou vacante a praza... a decisión tomouse o martes.
Canto puido presionar o PSdeG para reducir a Vázquez?
Eu teño a convicción de que é unha decisión do PSOE de Madrid... coa inmensa alegría do PSdeG, claro. E paréceme que a participación de Zapatero foi moi activa. En plan Paco, tes que facer algo, porque lle restas votos ao PSOE de Touriño e ao de Zapatero, coa súa idea de rexeneración da vida política. Vázquez era un socialista xurásico, vencellado a unha época do PSOE que os actuais dirixentes quererían borrar...
Entre a redución de danos electorais e persoais, era esta a única saída de Vázquez?
É que Vázquez é un obstáculo para calquera goberno que non teña maioría absoluta... non podería gobernar co BNG polo seu odio visceral ao nacionalismo galego; sería máis normal que pactase en minoría co PP, vaia... e iso non o podería soportar o PSdeG. Ante esa imposibilidade manifesta para pactar, Vázquez ten que marchar xa non da alcaldía, senón do país, porque tampouco podería ser conselleiro ou algo así nun goberno con participación do BNG... Vázquez non sae da alcaldía, sae do país. El sempre dixo que lle gustaría xubilarse como embaixador ante a santa sé, pero non pensaba xubilarse agora... No medio dun mandato, ninguén se xubila. Hai exactamente dez días, o secretario de Organización, Pepe Blanco, dixo que non había outro candidato do PSdeG para as municipais que non fose Francisco Vázquez. Xusto antes das informacións de La Opinión...
Que pasou entón?
O que pasou é que as informacións sobre os negocios "non explicados" de Vázquez foron incontestadas. Nin sequera foi ao xulgado. Ante este silencio e a certeza de que seguirían saíndo cousas, o alcalde toma a decisión.
Son parecidos Vázquez e Cuíña, a nivel simbólico e nos seus casos?
Home, os dous deixan o cargo que estaban ocupando despois de que se revelen relacións empresariais dos seus parentes máis directos... Á parte son dous personaxes que teñen tanto en común que até presumen de amizade.
Marcha Vázquez cara ao Vaticano porque pecou?
Tampouco teño moita conciencia de que a santa sé sexa moi santa... e da conciencia do pecado, mellor nin falar.
En que lugar deixa á prensa galega o contraste entre as informacións de La Opinión e as de La Voz de Galicia?
A min paréceme estupendo e marabilloso. Anímame moito pensar que non importa que un xornal sexa grande ou pequeno, que venda moito ou pouco. O importante é o que leva dentro, e que o que leva dentro sexa certo. Desde un xornal pequeno pódese facer tan bo xornalismo coma desde un grande...