O amplo "depósito de confianza dos galegos no cambio político", a avaliación "altamente positiva" do goberno actual e a valoración da "estabilidade" da coalición de goberno, son as conclusións máis significativas que quixeron destacar este xoves os autores do Barómetro Galego 2005, realizado polo equipo de investigacións políticas da Facultade de Ciencias Políticas e Sociais da USC. Á beira, un 54% dos cidadáns pensa que a situación política e económica vai mellorar en Galiza nos próximos anos. Por outro lado, cun 28.2% de intención directa de voto, o PSdeG pasa a liderar o potencial de apoio electoral entre os galegos, co PPdeG caendo deica o 23.9% e o BNG quedando no 17%.
O estudo, presentado este xoves por Nieves Lagares, decana na Facultade de Políticas da USC, e Ramón Máiz, catedrático da mesma universidade, revela "a mellor valoración dun goberno nos últimos anos, máis que a do PPdeG no seu momento ou que o actual goberno Zapatero". Os autores do informe destacaron as significativas mudanzas das valoracións políticas realizadas polos galegos despois do cambio de goberno, salientando "a magnífica perspectiva de futuro" que os cidadáns teñen respecto ao novo contexto político e subliñando "o enorme depósito de confianza" que os galegos lle outorgan ao novo goberno.
Pasados os primeiros cen días de goberno da coalición de PSdeG e PSOE, un 62.1% dos cidadáns enquisados considera positivamente a xestión do goberno, fronte a un 18.6 que a cualifica negativamente. Preguntados pola relación entre socialistas e nacionalistas, un 47.5% considera que a coalición amosa "bastante" estabilidade, cun 8.6% que subliña que se trata dun goberno moi estábel. Da outra beira, un 27% dos preguntados opinan que esa estabilidade é "pouca" e un 9.5% aseguran que non ten "ningunha".
A viraxe do escenario político queda reflictida tamén na valoración que os galegos fan do labor dos diferentes partidos durante os últimos doce meses na súa práctica respectiva á fronte do goberno e da oposición. Nieves Lagares destacou o "incremento espectacular" na valoración" dos liderados de Emilio Pérez Touriño e Anxo Quintana, aos cales os enquisados puntuaron cunha media do 5.77 e 5.26, respectivamente. No que lle toca ao novo líder do PPdeG, Alberte Núñez Feijoo, lembran que "aínda está entrando en escena", e accede á lista cun 4.48. Aínda que non ofreceron datos sobre o resto de políticos populares sobre os que tamén preguntaron, a enquisa foi realizada entre o 7 e o 16 de decembro pasado con Feijoo xa abrollando coma claro vencedor do proceso sucesorio dos populares, ao respecto destes datos, o profesor Bernardo Máiz lembrou "a grande erosión da figura de Manuel Fraga" que xa amosara o informe anterior, "facendo presaxiar o que logo aconteceu".
Apoio á reforma estatutaria
Preguntados polas iniciativas de reforma dos estatutos de autonomía e o modo en que estas lle poden afectar á organización territorial do Estado, unha maioría do 50.4% dos enquisados dixeron considerar "oportuno" que se teña aberto ese proceso de reformas, fronte a un 37.9% que o cualifica de "inoportuno". Á beira, a sondaxe recolle que un 26% dos galegos apoiaría a evolución cara a un estado federal onde as comunidades autónomas gañen en autogoberno sobre o modelo actual, fronte a un 61.3% que di preferir que o sistema non mude. No contexto actual, un 87.1 dos galegos opina que o goberno español favorece máis a unhas comunidades que a outras. A análise tamén indica que un 65.8% de cidadáns síntense tan galegos coma españois e que un 20.9% din sentirse máis galegos que españois, por un 3.3% que aseguran sentirse máis españois ca galegos.
Valoración positiva das institucións
O informe constata a estabilidade na valoración positiva das institucións e amosa que os cidadáns seguen amosando menos indiferencia cara ás institucións que lles son máis próximas, caso dos concellos. Un 35.8% cualificaron de bo o labor realizado polos seus gobernos locais nos últimos catro anos, por un 22.6% que o definiron de regular, un 22.6% de malo e un 10.6% de moi malo. No que lle toca ao labor do goberno autonómico nos últimos catro anos, un 31.8% din consideralo bo, mentres un 29% cualifícao de regular, un 23.5 de malo e un 6.9% de moi malo. As porcentaxes son moi similares na avaliación que os galegos fan do goberno estatal, con máis da metade cualificándoo de regular ou malo.
Evolución desde o estudo anterior
Hai un ano, o Barómetro 2004 realizado polo mesmo equipo asignáballe un 25.6% de intención directa de voto ao PPdeG, por un 23.2 para o PSdeG e un 17.3% para o BNG. Daquela o prognostico de datos que vía peneira deses datos máis a avaliación de "simpatía" para cada un dos partidos facían os seus autores, agoiraba entre 34-35 escanos para o PPdeG, 23-24 para o PSdeG e 17 para o Bloque. Desta volta, os autores do informe lembran que os datos ofrecidos este xoves son a intención directa de voto expresada polos 2000 entrevistados, 500 en cada provincia, sen peneira posterior, e avisan que hai que entendelos tamén na conxuntura actual, co impulso do cambio de goberno e pola proximidade do último paso polas urnas renuncian a traducilos nun prognóstico de escanos, agoirando un cambio a medio prazo.