Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
MÁIS DE 48 MIL ACCIDENTES LABORAIS EN 2005

A prevención de riscos no traballo será criterio para as axudas da administración ás empresas

Un total de 103 mortos e a suma de 48.041 accidentes é balanzo da sinistralidade laboral en Galiza durante o ano 2005. Eses números indican que seis de cada cen traballadores galegos sufriron un accidente laboral nese período, un incremento do 1.6% respecto aos do ano anterior. Segundo os datos presentados pola consellaría de Traballo, a probabilidade de que un traballador con contrato temporal sufra un accidente é máis do dobre que a dun con contrato fixo. A Xunta tamén anunciou que vixiará o cumprimento das normas de prevención de riscos á hora de concederlle axudas ás empresas.

- 08:20 09/02/2006
Tags:

A consellaría reparou especialmente neste último estudo na relación entre o tipo de contrato e o número de accidentes de traballo. Así, do total de accidentes un total de 21.509 sufríronnos traballadores indefinidos, mentres que os temporais padeceron 26.250. Á beira da alta taxa de temporalidade en Galiza, 34.9%, a administración subliña que "o índice de incidencia, que relaciona o número de accidentes coa poboación exposta, dos traballadores temporais é mais do dobre que o dos indefinidos de xeito que por cada accidente que sofre un traballador indefinido hai 2,3 que sufre un traballador temporal". Segundo explicou a directora xeral de Relacións Laborais, Pilar Cancela, "un traballador con contrato indefinido ten a probabilidade de sufrir un accidente laboral en 25 anos e no caso dos temporais esa probabilidade é dun sinistro en tan só 11 anos".

Por provincias, Pontevedra, rexistrou o maior número de accidentes, 19.987, e Ourense a menor cifra, con 4.001, malia incrementarse o total nun 2.25% respecto ao ano anterior. En canto a sectores, servizos acumula o maior número de accidentes laborais , 16.550, incremento respecto ao ano anterior do 3.16%. Así e todo, na construción é onde houbo a maior cantidade de accidentes cualificados coma "graves", un total de 276. Os accidentes mortais repartíronse do seguinte xeito: 29 no sector industrial; 27 na construción; 29 no sector servizos; un no agro e 17 no mar.

Cancela lembrou que a consellaría vai poñer en marcha un Plan Estratéxico en Seguridade e Saúde Laboral e "un organismo autónomo con entidade xurídica propia, coparticipado pola Administración e os axentes económicos e sociais".


Ligazóns

0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: