Logo dunha semana de conflito en varios países musulmáns e dun balance provisional de 14 mortos, as autoridades internacionais queren que se poña fin á violencia e por iso as Nacións Unidas, a Unión Europea e a Organización da Conferencia Islámica veñen de publicar un comunicado conxunto no que condean os ataques ás embaixadas europeas e fan unha chamada ao diálogo, xa que "a agresión contra a vida e a propiedade só pode magoar a imaxe dun islam pacífico". Malia esta chamada a violencia segue. O último episodio vén de producirse na cidade de Hebrón, onde uns 300 manifestantes palestinos intentaron esta mañá queimar a sede dos observadores internacionais por segunda vez dende que comezara a crise pola publicación de caricaturas de Mafomede na prensa europea. En Afganistán unha nova manifestación saldouse outra vez con 4 mortos e 20 feridos polos disparos da policía. Poden seguir ampliando na BBC, en Reuters e en Al Iasira.