Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
MÉNDEZ ROMEU ANUNCIA QUE O BIPARTITO REVISARÁ O PAPEL DESTAS INSTITUCIÓNS

A Xunta pon en dúbida a utilidade das deputacións

Chegara este martes ao Parlamento para falar do recente pacto local e, ao fío, o conselleiro de Presidencia, Xosé Luís Méndez Romeu, aproveitou para advertir dos défices das deputacións provinciais na atención das necesidades dos concellos galegos. "Neste país, se cadra, teremos que falar nalgún momento e seriamente sobre as deputacións", avisou recordando que a Constitución abre a porta para prescindir destes organismos. Lembrámoslles que no seu momento o anterior líder do PPdeG, Manuel Fraga, advertira que o seu partido podería renunciar a dialogar sobre o Estatuto se se poñía en cuestión o futuro das deputacións.

- 07:01 08/02/2006
Tags:

"Pode habelas ou non", lembrou o conselleiro de Presidencia ao respecto das deputacións provinciais. Méndez Romeu aproveitaba así a súa comparecencia para tirarlle das orellas aos mandatarios provinciais que, agás o socialista coruñés Moreda, rexeitaron comparecer hai pouco no Parlamento galego para explicaren a actividade das institucións que presiden.

No momento máis belixerante do seu discurso, Romeu acusou ás deputacións de ter amosado a súa ineficacia diante de temas serios e fronte a emerxencias e infraestruturas clave para moitos municipios que lles correspondía ter atendido. Segundo o conselleiro, á vista desa "evasión de responsabilidades" das deputacións, é lícito poñer en cuestión o seu futuro. "Imos tapar os ollos de xeito permanente diante disto?", preguntou Méndez Romeu. Foi nese sentido que o conselleiro de Presidencia subliñou a necesidade do impulso doutras unidades supralocais para a xestión de servizos.

Méndez Romeu defende o agrupamento de concellos e o impulso de grande áreas urbanas
Xosé Luís Méndez Romeu, conselleiro da Presidencia, defendeu tamén a necesidade de reformar a Lei de réxime local durante a súa comparecencia parlamentaria. Méndez Romeu subliñou que os criterios reitores deste pacto son a cooperación, a participación conxunta en competencias e a suficiencia financeira; e entende que para afondar no modelo de "municipalismo do século XXI" que inspira o Pacto Local é necesario mudar a Lei de Réxime Local e desenvolver novas fórmulas supramunicipais para atender a prestación de servizos nas grandes áreas urbanas.

Os obxectivos da reforma municipalista proposta por Méndez Romeu son garantir "unha estrutura de goberno máis aberta" e unha xestión máis transparente no tocante ao rigor contábel e a execución orzamental, atendendo as recomendacións realizadas polo Consello de Contas. Asemade, a nova lei enfrontará a necesidade de definir un marco laboral compartido por todos concellos de Galicia que faga posíbel "unha progresiva homologación entre as distintas administracións e que favoreza a mobilidade dos traballadores do sector público".

O conselleiro reiterou o compromiso do executivo galego a prol de favorecer o agrupamento dos concellos, co obxectivo de que aúnen recursos que permitan acrecentar a cobertura e calidade dos servizos prestados no referido ao desenvolvemento territorial, o urbanismo, a protección ambiental e a posta en valor do patrimonio histórico-artístico. Segundo Méndez Romeu, o novo municipalismo debe camiñar "cara a integración dos esforzos económicos, sociais e culturais e de todo tipo, nun planeamento común ao servizo de programas estratéxicos de desenvolvemento local".

A xestión de servizos urbanísticos, ambientais e patrimonias a través de instancias supralocais nas grandes áreas urbanas, baixo a fómula de consorcios ou outras semellantes, foi sinalada por Méndez Romeu como un obxectivo estratéxico da súa proposta de reforma. En opinión do conselleiro, serán "entes metropolitanos que axuden a outras administracións e aos poderes económicos e sociais a deseñar proxectos de futuro nas grandes áreas urbanas, que axuden a planificar os usos do territorio".


Ligazóns

0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: